A Deputación prepara a quinta edición das xornadas 'Querémonos Vivas, Libres e Iguais' polo 25N

A Deputación de Lugo organiza a quinta edición da xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais, que se celebrará o venres 21 de novembro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres (25N). Unha iniciativa que busca concienciar á cidadanía sobre a violencia machista a través de charlas, reflexións e monólogos a través da visión de mulleres expertas en distintos ámbitos que achegarán as súas experiencias.
A xornada, que arrincará ás 09.00 horas e estenderase ata as 14:00 horas, estará conducida pola presentadora, actriz e monologuista Marta Doviro, que pechará a xornada co monólogo Nin Machismi, nin Feminismi ofrecendo unha visión crítica e pedagóxica sobre a igualdade e a prevención da violencia de xénero.
O programa inclúe ademais a participación de destacadas profesionais como a doutora en Socioloxía e investigadora social Silvia Pérez Freire, que falará de igualdade e empatía. Así mesmo, a socióloga Uxía López Mejuto abordará unha charla co título Desactivando os mitos do amor romántico: ferramentas contra a violencia de xénero na adolescencia. A escritora e docente Antía Yáñez Rodríguez abordará o feminismo contemporáneo cun relatorio baixo o título O feminismo xa non é a canción do verán. Finalmente, a Presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, Sandra Piñeiro Villar abordará un tema que preocupa na actualidade como é a Ciberviolencia.
A asistencia é gratuíta, pero debido ao límite de aforo, é necesario inscribirse previamente. O prazo de inscrición comeza este luns, e as persoas interesadas poden reservar a súa praza enviando un correo a protocolo@deputacionlugo.org ou chamando ao teléfono 982 260 134.