A Deputación reconstruirá un muro derrubado na estrada LU-P-2913 entre Lugo e Guntín

A Deputación de Lugo arranxará de forma inmediata un muro da estrada provincial LU-P-2913, que conecta os concellos de Lugo e Guntín desde Coeses ata Terlama, e que se derrubou onte como consecuencia das intensas choivas rexistradas. Os traballos para reconstruír esta infraestrutura comezarán a vindeira semana á altura do quilómetro 5,245, na parroquia lucense de Piñeiro.
Mentres tanto, os condutores poden circular por este punto con precaución, xa que a zona permanece debidamente sinalizada polos técnicos da institución provincial. Durante estes días, o persoal da Deputación realizará un seguimento continuo da evolución da estrada neste treito, dado que as abundantes precipitacións poderían afectar ao seu estado. Está previsto que a empresa encargada da conservación das vías provinciais nesta zona reconstrúa o muro de contención con perpiaño.
Doutra banda, continúan pechadas ao tráfico varias estradas provinciais debido aos asolagamentos provocados polas choivas. Trátase da LU-P-3204 en Monforte de Lemos, da LU-P-4703 na Pobra do Brollón e da LU-P-0901 en Bóveda, así como do tramo antigo da LU-P-3501 en Navia de Suarna e da LU-P-6502 en Muras, neste último caso polos estragos causados pola auga en dúas pontes.
Así mesmo, onte pola tarde os operarios provinciais conseguiron deixar aberta e despexada a LU-P-1301 á altura de Pacios, no concello de Pedrafita do Cebreiro, onde caera unha árbore sobre a calzada.
No que respecta ás nevaradas, a situación é hoxe de normalidade e, segundo informan os técnicos, pódese circular sen incidencias polas vías provinciais da Montaña.