A Deputación renova o seu apoio ao aloxamento gratuíto para pacientes con cancro e acompañantes en Lugo

LugoXa
A institución provincial achegará 5.000 euros para financiar o 95 % deste servizo que presta a asociación Somos Unidos Polo Cancro
Entrega-convenio-SOMOS-Deputación-de-Lugo
10 Jul 2026

O deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento da Deputación de Lugo, Miguel Fernández, mantivo un encontro no Pazo de San Marcos co presidente da Asociación Somos Unidos Polo Cancro, José Manuel Vázquez, no que ambas as partes renovaron o compromiso da institución provincial co financiamento do servizo de aloxamento gratuíto para pacientes con cancro e os seus acompañantes.

A Deputación achegará 5.000 euros, unha contía que permitirá cubrir o 95 % do custo deste recurso, destinado a facilitar a estancia en Lugo das persoas que deben desprazarse para recibir tratamento no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

Miguel Fernández destacou que este convenio "é moito máis que unha colaboración económica", xa que permite que persoas que atravesan "un dos momentos máis difíciles da súa vida" conten cun espazo no que descansar, sentirse acompañadas e centrarse na súa recuperación.

O deputado subliñou que "ningunha persoa debería renunciar a un tratamento nin asumir unha carga económica engadida polo feito de vivir lonxe do HULA" e puxo en valor o labor da asociación, asegurando que entidades como Somos Unidos Polo Cancro "chegan onde moitas veces a administración non pode facelo por si soa".

Fernández explicou que esta colaboración contribúe a que residir nun concello rural da provincia non supoña unha desvantaxe no acceso aos tratamentos médicos e cualificou esta achega como un investimento "de alto impacto social", ao tratarse dun recurso consolidado, amplamente utilizado e moi valorado polas persoas beneficiarias.

O proxecto desenvolverase ao longo de todo o ano e inclúe entre os seus principais gastos o alugueiro da vivenda, os custos da comunidade, a calefacción e as subministracións básicas, cun orzamento total de 5.265 euros.

0.13039803504944