A Deputación renova o seu convenio de 390.000 euros co CD Lugo para apoiar o club e promover o deporte

LugoXa
O acordo inclúe a presenza da imaxe institucional nas equipacións e a participación de xogadores e persoal técnico en actividades con centros educativos, clubs de base e entidades sociais, ademais de apoiar o equipo na Liga Genuine
Convenio Deputación de Lugo e Club Deportivo Lugo 26
11 Nov 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo reafirmou o seu apoio ao CD Lugo coa sinatura dun convenio de patrocinio por importe de 390.000 euros, que permitirá dar continuidade á colaboración entre ambas as entidades e impulsar actividades de promoción deportiva e social ao longo da tempada.

O acordo foi presentado nun acto celebrado no Pazo de San Marcos, no que participaron o vicepresidente provincial, Efrén Castro, xogadores e persoal técnico do equipo. A xornada tamén permitiu o encontro coa afección, coa sinatura de camisetas e fotografías cos seguidores e seguidoras que se achegaron á sede provincial.

Castro destacou «a ilusión que o club está xerando na cidade e na provincia co xogo e os resultados do inicio de temporada» e puxo en valor as actividades que o CD Lugo desenvolve durante o ano a través do convenio. Segundo sinalou, os encontros coa afección e a colaboración con centros educativos, clubs e entidades deportivas e sociais contribúen a reforzar os vínculos do equipo coa cidadanía e a aproveitar a repercusión do deporte para promover hábitos saudables e valores como a inclusión.

O convenio contempla, ademais da presenza da imaxe institucional nas equipacións, a participación de xogadores, persoal técnico e outros recursos do club en iniciativas de promoción do deporte e dos hábitos de vida saudables en centros educativos e clubs de base. Tamén inclúe accións de promoción da lingua e de fomento dun uso seguro das redes sociais, así como o apoio á participación do CD Lugo na Liga Genuine.

Entre as iniciativas desenvolvidas a pasada tempada ao abeiro deste acordo destacan as experiencias 'Tunnel and Pitch', que permitiron a nenos e nenas de escolas deportivas municipais e clubs da provincia vivir a pé de campo os momentos previos ao comezo dos partidos no estadio Anxo Carro. Outra das propostas foi o impulso do fútbol a pé, actividades que terán continuidade durante esta nova tempada.

0.16874599456787