A Deputación reunirá en Lugo a catro mulleres emprendedoras para compartir as súas experiencias e proxectos

A Deputación de Lugo conmemorará o Día Internacional da Muller Emprendedora cunha xornada destinada a visibilizar o talento, a iniciativa e o papel das mulleres na transformación económica e social da provincia.
O encontro, promovido pola área de Muller e Igualdade, dirixida pola deputada Marisol Morandeira, celebrarase este venres 20 de novembro, ás 19:00 horas, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. A entrada será gratuíta e non será necesario realizar inscrición previa.
Baixo o título "Mulleres que emprenden, mulleres que inspiran", a iniciativa reunirá catro mulleres con traxectorias profesionais diferentes, pero cunha aposta común polo desenvolvemento de proxectos propios e a creación de novas oportunidades. Participarán Aina Mena, fundadora de Opgan Tech; Leticia Mon, impulsora de Cabanas do Chao e Casa do Chao; Lucía López, veterinaria vinculada á actividade gandeira; e Carmen Rojas, responsable de Tapicería Hermanos Rojas. O debate estará moderado por Paula Núñez, consultora en liderado e certificada pola Asociación Española de Coaching.
A programación comezará coa apertura institucional, na que intervirá Marisol Morandeira, e continuará coa presentación das historias persoais e profesionais das catro protagonistas. Posteriormente, Paula Núñez conducirá un diálogo no que tamén poderá participar o público con preguntas e intervencións.
Aina Mena, de 25 anos, presentará a súa experiencia á fronte de Opgan Tech, un proxecto nacido no Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela que desenvolve Optimuu, unha ferramenta que aplica a intelixencia artificial e a análise de datos ao sector gandeiro. A iniciativa xurdiu mentres estudaba Robótica e foi seleccionada polo programa Explorer da USC Lugo Space. Actualmente, atópase en fase de probas piloto para validar o seu funcionamento antes da chegada ao mercado.
Pola súa banda, Leticia Mon compartirá o seu regreso a Vilaverde, en Navia de Suarna, en 2021, onde puxo en marcha Cabanas do Chao, un proxecto de aloxamento turístico que abriu as súas portas en 2025. Durante o proceso de rehabilitación das cabanas xurdiu unha segunda iniciativa, Casa do Chao, unha casa de comidas que se converteu nun restaurante de éxito e que contribúe a dinamizar a economía da montaña lucense.
Tamén participará Lucía López, veterinaria de formación e vinculada a Gandería Puluán, en Monforte de Lemos. Compaxina o traballo na explotación familiar coa elaboración de queixos nunha queixería propia, na que destaca un produto macerado en Mencía da Ribeira Sacra. Ademais, organiza visitas á gandería para achegar á cidadanía o funcionamento e o traballo diario do sector.
Completa o cartel Carmen Rojas, que chegou a Galicia desde Venezuela coa súa familia en 2022. Tras unha traxectoria como licenciada en Estatística e profesora universitaria, decidiu recuperar xunto aos seus familiares o oficio da tapicería e impulsar Tapicería Hermanos Rojas, un negocio situado en Lugo. O proxecto permitiulles iniciar unha nova etapa profesional e construír unha vida na que tamén poidan ofrecer ás súas fillas oportunidades de futuro.
O encontro servirá, ademais, para dar a coñecer a programación organizada pola Deputación con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que comezará o día seguinte. Ao remate da xornada, as protagonistas e as persoas asistentes poderán continuar intercambiando ideas e experiencias emprendedoras nos corredores do Pazo de San Marcos, durante un aperitivo.