A Despensa do Saa encheuse nun recital de Toño Núñez dentro do ciclo 'Media hora de poesía con…'

LugoXa
O escritor destacou a complicidade co público e puxo en valor este espazo cultural impulsado por Manuel Vázquez e Xosé Manuel Vázquez Saa
Despensa-do-Saa-Toño-Núñez-e-Beatriz-Dourado
16 Feb 2026

A taberna cultural A Despensa do Saa, en Lugo, acolleu esta fin de semana un acto cultural multitudinario no que o escritor Toño Núñez ofreceu unha lectura de poemas de amor nun ambiente marcado pola proximidade e a emoción compartida co público.

O autor confesou tras o recital que segue a escribir “anegado de emoción” e salientou a especial ilusión que lle fixo ser presentado por Beatriz Dourado, tamén natural de Navia. Segundo destacou, trátase dunha "das voces chamadas a marcar o presente e o futuro da literatura galega", e valorou moi positivamente unha intervención que, máis alá das “esaxeracións de rigor” propias destes actos, demostrou —segundo as súas palabras— unha fonda comprensión da súa obra poética.

O encontro enmarcouse no ciclo 'Media hora de poesía con…', unha iniciativa que se celebra desde o ano 2025 por impulso do escritor Manuel Vázquez e co apoio do taberneiro e dinamizador cultural Xosé Manuel Vázquez Saa.

A proposta consolidouse como un espazo estable para a poesía, cun formato que ofrece a cada autor ou autora media hora de lectura, un tempo que permite amosar unha mostra representativa da súa creación literaria. Cada sesión inclúe ademais a presentación por parte dunha persoa amiga, habitualmente tamén vinculada á poesía.

Toño Núñez puxo en valor o papel que xoga A Despensa do Saa no panorama cultural lucense, cualificando de “luxo” contar cun lugar onde se coida a cultura en xeral e a poesía en particular. Destacou a singularidade dun espazo onde conviven libros e viño, onde se socializa e se conversa nun ambiente amigable, mentres se degustan tapas e se fortalece a amizade. Un escenario que, segundo expresou, se converte nun auténtico “templo da palabra poética”, no que a conexión co público —sempre fiel— xera unha intensa retroalimentación emocional.

O ciclo celébrase cada quince días e nace, como lembrou o propio autor, da complicidade entre Manuel Vázquez e Xosé Manuel do Saa, artífices dunha proposta que segue a medrar e a consolidarse como referencia para a poesía na cidade.

⚙ Configurar cookies
0.081121921539307