A directiva do CD Alfoz sente a falta de compromiso por parte da corporación municipal

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A directiva do CD Alfoz sente a falta de compromiso por parte da corporación municipal xa que tras todas as peticións formuladas e o seu duro traballo de mantemento do campo de fútbol non ven que o Concello os apoie ao 100%.
Piñeiral
12 Xuño 2020

A directiva do CD Alfoz sente a falta de compromiso por parte da corporación municipal xa que tras todas as peticións formuladas e o seu duro traballo de mantemento do campo de fútbol non ven que o Concello os apoie ao 100%.

Dende a entrada da nova directiva, celebráronse varias reunións con membros do equipo de goberno do Concello. "Sempre fomos conscientes de que somos un pobo pequeno e de que as instalacións xa teñen case corenta anos", e por iso que o mantemento do céspede é tan importante que "o verán pasado tivemos que utilizar máis tempo libre, e incluso as nosas vacacións, para facer o mantemento do campo. A escarificación, aboado, sementa e corte fixémolo nós", din dende o CD Alfoz.

Durante unha das derradeiras xuntanzas fixéronse unha serie de peticións de mellora das instalacións, entre elas pediron que o Concello limpara as instalacións unha vez por semana, unha maior frecuencia nos cortes do céspede (unha vez á semana) ou usar area durante o parón invernal para mellorar o estado do campo.

Unhas semanas antes do coronavirus, a directiva do club de fútbol enviou un escrito ao Concello cunha serie de peticións, por exemplo poñer unha rede para que non entren os paxaros onde se garda a roupa do club ou facer un campo de herba artificial para adestrar ou retirar as cubertas das gradas, que teñen amianto. "Non pretendemos que as cousas se fagan dun día para outro, pero nin unha contestación por escrito recibimos, e xa pasaron varios meses", din. 

Tamén destacan que tiveron que adestrar nas nstalacións que lles facilitou o Concello do Valadouro xa que durante un temporal unha das porterías do campo de adestramento caeu e pasou varias semanas tirada no chan. "Estes detalles amosan o pouco aprecio que merece o club cando seguimos sen portería e as obras de mellora dos focos xa remataron hai meses", engaden. 

De feito, a directiva tomou a decisión de arranxar e sufragar a reparación do campo de adestramento, xa que non recibimos resposta algunha. Iso supón que terán que preparar a competición na primeira autonómica mentres reparan a citada instalación.

A directiva do club está para colaborar coas institucións, por iso "fixemos a reforma do vestiario co noso traballo e fondos propios, cortamos e arranxamos o céspede en numerosas ocasións, organizamos eventos que dinamizan o pobo (amigables, partidos benéficos ou ceas), pintamos os muros do campo, arranxamos o mobiliario da cantina ademais de todo o traballo derivado da propia actividade competitiva. Polo tanto, pensamos que é moito máis importante mellorar o día a día do club que insistir nunha celebración dun partido en horario nocturno para a inauguración da nova iluminación".

O CD Alfoz está agradecido ao Concello pola xestión que supuxo que a Deputación sufragase o total da obra de mellora da iluminación do Campo Municipal. Ademais agradece poder recibir, de xeito anual, a subvención á que se pode acoller e tamén se fixo algún arranxo no campo, coma unha porta de saída ao exterior a carón da cantina. A maiores axudáronlles na celebración de eventos, facilitando mesas e bancos ou o pavillón municipal.

Por outra banda, o 26 de xuño terá lugar a Xunta Ordinaria de socios que se celebra a final de tempada, na que se realizará o balance económico, deportivo, social e institucional do club. Desenvolverase no Salón de Actos da Casa da Cultura e dará comezo ás 20.30 en primeira convocatoria ou ás 21 no caso de non haber quórum.

0.21667194366455