A dixitalización do sector agrario en Galicia, tema central do ciclo Luis Asorey de Lugo
A dixitalización do sector agrario en Galicia será obxecto de análise e debate no marco da trixésima segunda edición do ciclo Luis Asorey, un programa de relatorios promovido desde a Real Academia Galega de Ciencias que se desenvolverá do 15 ao 24 de novembro non lugués Pazo de San Marcos.
O ciclo Luis Asorey, unha iniciativa de divulgación científica coordinada polo catedrático da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo e integrante da Real Academia Galega de Ciencias, Antonio Rigueiro, desenvolverase de xeito presencial no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo e tamén poderá seguirse de xeito telemático a través da canle de YouTube da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC).
O xerente de proxectos de Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Manuel Barcón Goás, abrirá o 15 de novembro, ás 19.30 horas, a quenda de relatorios deste ciclo cunha exposición referida ao contexto europeo, español e galego sobre dixitalización e robótica, ao tempo que tratará a Estratexia Dixital Galicia 2030.
A mecanización e a dixitalización do sector agroalimentario centrará o 16 de novembro a temática da charla que ofrecerá no marco do ciclo Luis Asorey o profesor da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Javier Bueno Lema. O tamén profesor da USC, neste caso na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, Ramiro Fouz ofrecerá o 17 de novembro un relatorio sobre a dixitalización na produción de leite.
O enxeñeiro de Montes e Director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, José Luis Chan Rodríguez, tratará o 18 de novembro a dixitalización e descarbonización da xestión forestal en Galicia no marco dun foro que continuará o 22 de novembro cun relatorio sobre drons aplicados á xestión agroforestal, a cargo do enxeñeiro de Telecomunicacións Jorge Seoane Brandariz.
Unha mesa redonda sobre aplicacións para propietarios, industria e comercialización, coordinada por Antonio Rigueiro e no marco da que se presentarán catro casos de éxito en Galicia sobre trazabilidade nos sector forestal, apoio á toma de decisións en viticultura ou aplicacións na cadea de valor forestal europea, servirá pouco menos que de epílogo desta nova edición do ciclo Luis Asorey, un programa de relatorios que chegará ao seu colofón o 24 de novembro coa presentación das estratexias de dixitalización para o territorio rural galego, a cargo da directora Xeral de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé.