A Domus do Mitreo de Lugo achega novos restos e historias
O Museo Universitario A Domus do Mitreo achega novos segredos da historia de Lugo a través dunha remodelada e ampliada sala de exposicións concibida como escaparate da historia e non como depósito de pezas, cuxos fondos permiten ao visitante viaxar a través do tempo e achegarse e coñecer a vida cotiá da domus, a súa función administrativa ou, entre outros episodios, o banquete do mitreo.
A escolma dos restos achados na escavación dos terreos sobre os que se asenta a Domus do Mitreo musealizados e agora expostos privilexian o material romano, posto que este período é o máis relevante, aínda que prestan especial a etapas posteriores, especialmente as que abranguen desde a época medieval ata o pasado século XX.
Alén destas cuestións, a ampliada sala expositiva deste singular xacemento mitraico inclúe por vez primeira a segunda inscrición romana achada, unha inscrición de época temperá, da primeira dinastía, a Xullo-Claudia, quizais dedicada a Xúpiter, segundo apuntan as pescudas xa feitas.
Discurso expositivo e distribución de espazos
Os elementos incluídos nesta mostra pretenden artellar un discurso expositivo sinxelo, que sexa comprensible para calquera persoa que careza de todo coñecemento sobre o mundo romano. Queremos, subliña a profesora Dopico Caínzos, que calquera persoa, independentemente da súa idade, formación ou cultura saia do museo cunha idea xeral do que foi esta domus. Por esta razón, engade, tratouse de contextualizar os obxectos. A reprodución dos vidros en 3D, a balanza de precisión, a tabula cerata ou a disposición de agullas de óso en soportes ou alfineteiros, abundan nesta pretensión didáctica.
O espazo expositivo dedicado ao mundo romano divídese en dúas partes. A Sala I recolle material da domus que contribúe a establecer a súa cronoloxía e traslada ao visitante á vida cotiá da época, desde as tarefas produtivas aos xogos, os adornos/obxectos médicos e os da statio oficial. Esta sala acolle os vidros de botellas cadradas cuns fondos decorados que resultan rechamantes, as fichas de xogo ou os ósos cortados que eran utilizados como materia prima.
A sala III é a do mitreo e presenta notables diferenzas coa anterior. Os fragmentos de vidro conservados son únicos pola súa calidade e decoración (unha xarriña verde tipo oinochoe, unha copiña branca con motivos mitraicos: serpe, ou prato irisado). Este espazo amosa tamén os restos dos ósos que nos achegan ao que era o ritual principal do mitraismo, ao tempo que rescata outros produtos de luxo, como o son as ostras. A ánfora, unha peza que quizais teña orixe oriental, o morteiro de mármore ou o selo, concibido como elemento principal deste espazo, son outras pezas que dan conta da exquisitez que rodeaba o mundo do mitraismo.