A Domus do Mitreo de Lugo revela os seus segredos na programación deste verán

LugoXa
Unha serie de enigmas servirá de limiar a unha visita guiada na que o conxunto das familias poderá mergullarse nos segredos máis descoñecidos do museo
domus-de-mitreo
domus-de-mitreo
5 Xul 2024

Os enigmas serán o fío condutor da programación especial que o Museo Universitario A Domus do Mitreo desenvolverá todos os sábados do mes de xullo baixo o lema ‘Os segredos da Domus’. Tal e como explica Dolores Dopico, directora do Museo e profesora da USC no Campus de Lugo, a programación deste verán diríxese ao conxunto das familias e baséase nunha visita guiada que estará precedida pola formulación dunha serie de enigmas “na que público de todas as idades pode participar”.

A seguir, un percorrido explicado polas instalacións da Domus permitirá responder aos interrogantes formulados. A visita guiada é de balde coa adquisición da entrada. A actividade bota a andar este sábado 6 de xullo, ás 11.30 horas, e ten unha duración aproximada de 35 minutos. As persoas interesadas en participar poden chamar ao 610 323 926 de martes a venres, entre as 11.00 e as 14.00 horas, ou a través do enderezo electrónico museomitreo.lugo@fundacionusc.gal As seguintes sesións desenvolveranse en idéntico horario os sábados 13, 20 e 27 de xullo.

0.18671703338623