A Escola Dajankai pecha a Final da Liga Galega FGK 2026 con dez medallas

A Escola de Karate Dajankai asinou unha destacada actuación na Gran Final da Liga Galega FGK 2026, celebrada esta fin de semana en Cedeira, onde conseguiu un total de dez medallas, repartidas en dous ouros, unha prata e sete bronces. Uns resultados que confirman o bo traballo desenvolvido polo club ao longo de toda a tempada e que lle permiten pechar a competición cun balance moi positivo.
Entre os resultados máis destacados figura a actuación de Xián Souto, que se proclamou campión en kata e sumou ademais un bronce en kumite cadete. Tamén acadou o ouro Fiz Lombardero, vencedor en kumite alevín iniciación, categoría na que completou a súa participación cun bronce en kata. Pola súa banda, Lucía Román conseguiu a medalla de prata en kata infantil iniciación e un bronce en kumite.
Os bronces completáronse coas actuacións de Iván Rey en kumite júnior, Sergio González en kumite xuvenil e Lorena Román, que subiu ao podio tanto en kata como en kumite na categoría alevín.
A competición deixou tamén boas sensacións para outros integrantes do equipo. Noelia Álvarez logrou superar tres roldas nunha esixente pool de kata cadete, un resultado que evidencia a súa notable progresión nun curto espazo de tempo. Pola súa parte, Max Lombardero non puido avanzar na competición de kata infantil, aínda que desde o club destacan a importancia da experiencia adquirida para continuar medrando de cara ás próximas tempadas.
Máis aló dos resultados deportivos, desde a entidade subliñan que esta final serviu para reafirmar a consolidación dun proxecto baseado na formación, o esforzo e os valores propios do karate. O club quixo agradecer especialmente o apoio e compromiso das familias, fundamentais no desenvolvemento deportivo e persoal dos karatecas.
A Escola Dajankai destacou tamén o labor dos adestradores Jana González e Yerai Román, cuxa dedicación e implicación diaria resultan determinantes para a evolución e os éxitos da entidade.
Co peche da Liga Galega 2026, o club xa ten a vista posta nos próximos retos deportivos. A preparación da nova tempada comezará de inmediato con importantes citas no horizonte, entre elas o inicio dunha nova edición da Liga Galega, as seguintes roldas das Ligas Nacionais e o Campionato do Mundo das categorías Cadete, Júnior e U21, que se celebrará en outubro en Bielsko-Biala, en Polonia, e no que participará o árbitro mundial do club David González.