A Escola de Karate Dajankai fai pleno en Maceda: dez participantes e dez medallas

LugoXa
Na categoría avanzada, o equipo sumou un ouro, dúas pratas e tres bronces, mostrando un nivel técnico e competitivo moi sólido
resultados-escola-dajankai
25 May 2026

A Escola de Karate Dajankai completou este sábado unha actuación sobresaliente na competición celebrada en Maceda, onde os seus dez participantes lograron dez medallas, un pleno que confirma o bo momento deportivo e formativo do club.

Na categoría avanzada, o equipo sumou un ouro, dúas pratas e tres bronces, mostrando un nivel técnico e competitivo moi sólido. En iniciación, os karatekas máis novos destacaron cunha prata e tres bronces, resultados que evidencian a progresión da canteira e o traballo de base que a entidade vén desenvolvendo nos últimos anos.

Desde a escola fixeron unha valoración “moi positiva” da xornada, subliñando non só os resultados, senón tamén a evolución dos deportistas e a súa actitude exemplar, marcada polo respecto, a boa crianza e a deportividade tanto dentro como fóra do tatami. Estes valores, sinalan, son parte esencial da identidade da Escola Dajankai.

O club destacou tamén o papel fundamental dos coach e adestradores, que acompañaron ao alumnado en cada combate e foron un apoio clave no plano técnico e emocional. Xunto a eles, as familias e persoas colaboradoras contribuíron a crear un ambiente de unidade e apoio que reforza o espírito comunitario da escola.

Con este pleno de medallas en Maceda, a Escola de Karate Dajankai consolida a súa presenza nas competicións autonómicas e reafirma a súa aposta por unha formación integral baseada na disciplina, o respecto e a superación persoal.

0.15026593208313