A Escola de Karate Dajankai logra a súa primeira medalla nacional

A Escola de Karate Dajankai alcanzou un novo fito na súa curta pero intensa traxectoria deportiva ao conquistar a súa primeira medalla nun campionato nacional. A responsable deste logro foi a karateca Anastasia Sara Pardo Haigh, que obtivo a medalla de bronce na categoría benxamín kata Shito Ryu durante a Copa de España de Estilos Internacional celebrada en Alovera.
O resultado supón un momento histórico para a entidade lucense, xa que Anastasia converteuse na primeira deportista da escola en acceder a un podio nacional, un éxito que recoñece o traballo realizado durante os últimos anos por deportistas, familias e equipo técnico.
A participación da escola nesta competición completouse coa presenza doutros catro karatecas que representaron ao club nun dos eventos máis importantes do calendario nacional. Entre eles destacou Lorena Román Vázquez, actual campioa galega da súa categoría, que volveu demostrar o seu elevado nivel competitivo fronte ás mellores deportistas do panorama estatal.
Tamén tomou parte na competición Lucía Román Vázquez, que debutaba nun campionato nacional. A súa participación permitiulle sumar experiencia nun escenario de máxima esixencia e continuar avanzando na súa formación deportiva, amosando unha actitude destacada sobre o tatami.
Pola súa banda, Noelia Álvarez competiu na categoría Kata Cadete Shito Ryu, onde evidenciou a progresión técnica que vén experimentando nos últimos meses, mentres que Sebastian Marc Pardo Haigh completou a representación do club cunha actuación marcada pola entrega e o compromiso.
A expedición contou ademais co traballo de Jana, que exerceu como adestradora nacional durante o campionato. Ademais de acompañar e asesorar aos deportistas da escola, colaborou tamén con competidores doutras entidades galegas presentes na competición.
Desde a Escola de Karate Dajankai trasladaron os seus parabéns aos cinco deportistas polo esforzo, a dedicación e o comportamento demostrado durante o campionato, ao tempo que agradeceron o apoio das familias e de todas as persoas que contribúen ao crecemento da entidade.
A medalla de bronce conquistada por Anastasia Sara Pardo Haigh representa un importante impulso para o club lucense, que continúa consolidando a súa progresión deportiva apenas dous anos e medio despois da súa creación e que afronta o futuro coa ilusión de seguir sumando éxitos a nivel autonómico e nacional.