A Escola de Música de Monterroso abre a matrícula para o curso 2026-2027

A Escola de Música do Concello de Monterroso abriu o prazo de matrícula para o curso 2026-2027, cunha ampla proposta formativa tanto no ámbito instrumental como no das actividades colectivas.
A oferta de instrumentos, dirixida a alumnado a partir dos 8 anos, inclúe acordeón, baixo, batería, canto, clarinete, frauta, gaita, guitarra, percusión, piano, saxofón, trombón, trompa, trompeta, tuba, ukelele e violín.
Por outra banda, as actividades colectivas están dispoñibles desde os 3 anos e comprenden baile galego, ballet, banda de música, batucada, combo, danza moderna, linguaxe musical, música e movemento, música e movemento en inglés e pandeireta.
A mensualidade é de 35 euros para as disciplinas instrumentais e de 30 euros para as actividades colectivas. Ademais, establécese unha matrícula de 40 euros por cada materia na que se inscriba o alumno ou alumna.
As persoas interesadas poden consultar toda a oferta no cartel informativo e formalizar a matrícula a través do enlace facilitado pola Escola de Música.