A Escola Deportiva Shihan conquista 14 medallas no Trofeo Internacional Princesa de Asturias

A Escola Deportiva Shihan asinou unha destacada actuación no Trofeo Internacional Princesa de Asturias de karate, celebrado esta fin de semana en Oviedo. Os deportistas do club lucense regresaron con 14 medallas, repartidas en catro ouros, catro pratas e seis bronces, que lle permitiron acadar o terceiro posto da clasificación.
A competición coincidiu cunha fin de semana especialmente intensa para a entidade, xa que Uxía Folgueira se atopa no Campionato do Mundo, onde disputa este domingo a final por equipos fronte a Xapón.
No apartado dos ouros, Iria Enríquez proclamouse vencedora en kata xuvenil; Xoán Rosa, en kata infantil K30; Ian Pulido, en kata infantil K23; e Iker Ranero, en kata cadete K23.
As catro pratas foron para Valeria Rubal, en kata benxamín; Ángela Buide, en kata xuvenil e kumite xuvenil de menos de 45 quilos; e Elena Viñas, en kumite júnior de máis de 55 quilos.
Pola súa banda, os bronces corresponderon a Nayla Pin e Leo Aulkemeier, ambos en kata cadete; Elena Viñas, en kata júnior; David Rubal, en kata máster; Adri Liz, en kumite xuvenil de máis de 50 quilos; e Nayla Pin, en kumite cadete de máis de 55 quilos.
Máis alá do medalleiro, a Escola Deportiva Shihan destacou o traballo diario dos seus deportistas nas modalidades de kata, kumite e parakarate, así como os valores de compañeirismo que amosaron durante o torneo.
A entidade puxo en valor a capacidade dos seus integrantes para axudarse, apoiarse e acompañarse nos momentos difíciles, independentemente da idade, como mostra dos principios que promove a práctica do karate.
O club tamén agradeceu ás familias o desprazamento a Oviedo e a súa colaboración tanto na pista como nas bancadas. Así mesmo, recoñeceu o labor dos adestradores María Martín e David Rubal, que acompañaron a expedición.
Estes resultados supoñen un impulso para a Escola Deportiva Shihan, que afronta os próximos retos coa intención de seguir progresando tanto no ámbito competitivo como na formación dos seus deportistas.