A Escola Deportiva Shihan consegue unha prata na Liga Nacional Junior e Sub21

A Escola Deportiva Shihan participou a pasada fin de semana na Liga Nacional Junior e Sub21 de karate, celebrada en Albacete, cunha representación formada por Roque Mazoy, David Enríquez e Pedro Buide.
O principal resultado chegou da man de Roque Mazoy, que conseguiu a medalla de prata na categoría Kumite Sub21 -67 quilos. O deportista, xa habitual no podio nacional, chegou a dominar o combate por 6-0, pero unha acción fortuíta co seu rival provocou unha decisión arbitral que acabou dando a vitoria ao contrario.
Tamén tiveron unha destacada participación os seus compañeiros David Enríquez e Pedro Buide, que completaron a presenza da Escola Deportiva Shihan nesta competición nacional.
Os tres deportistas estiveron acompañados durante toda a competición pola adestradora Gema Morales, que se incorporou esta tempada ao equipo. Morales conta con medallas mundiais tanto en Kata como en Kumite, un palmarés que a converte nunha incorporación destacada para o traballo e formación do alumnado da Escola Deportiva Shihan.