O karate lucense destaca no Campionato Galego coa Escola Deportiva Shihan e o Club Dajankai

A Escola Deportiva Shihan situouse no máis alto do medalleiro autonómico no Campionato Galego Cadete, Júnior e Sub-21 e na Copa Máster, celebrados no pavillón de Esteiro, en Ferrol. O club acadou un total de 31 medallas, repartidas en 11 ouros, 9 pratas e 11 bronces, nunha competición especialmente importante ao ser clasificatoria para o Campionato de España.
Na modalidade de kata, Uxía Folgueira, Iker Ranero e Xiana Ulloa proclamáronse campións nas categorías cadete, cadete K23.2 e sub-21, respectivamente. Pola súa banda, Alejandro Kirill conseguiu a prata en kata cadete e Noa Ulloa fixo o propio en júnior. Os bronces foron para Mateo Aldeanueva e María Cendán, en cadete; Nayla Pin, en júnior; Pablo Engroba, en sub-21, e David Rubal, en veteranos 1 (35-45 anos).
En kumite, a Escola Deportiva Shihan sumou oito das súas once medallas de ouro. Naiara Pérez impúxose en cadete de menos de 61 quilos; David Enríquez, en júnior de menos de 55 quilos; Pedro Buide, en júnior de menos de 68 quilos; Noa Ulloa, en júnior de menos de 59 quilos; Roque Mazoy, en sub-21 de menos de 67 quilos; Samuel Fontenlos, en sub-21 de menos de 75 quilos; Antonio Iglesias, en sub-21 de menos de 84 quilos, e Alejandro Osorio, en sub-21 de máis de 84 quilos.
As medallas de prata nesta modalidade foron para Carla Pérez, en cadete de menos de 54 quilos; Leo Aulkemeier, en cadete de menos de 57 quilos; María Cendán, en cadete de menos de 47 quilos; César Augusto Mesquita, en júnior de menos de 68 quilos; Nayla Pin, en júnior de menos de 66 quilos; Yohannes Pernas, en sub-21 de menos de 84 quilos, e Enrique Quintana, en veteranos de máis de 35 anos e menos de 75 quilos.
O medalleiro de bronce en kumite completárono Alex Díaz, en cadete de menos de 70 quilos; Mencía Vilas, en cadete de menos de 47 quilos; María López, en cadete de menos de 61 quilos; Raúl López, en júnior de menos de 55 quilos; Martín Vázquez, en júnior de menos de 76 quilos, e Elena Viñas, en júnior de menos de 59 quilos.
Ademais dos resultados deportivos, o club tamén contou con representación no panel arbitral a través do seu alumno Juan Viade. Os competidores estiveron acompañados polos catro adestradores María Martín, Gema Morales, Adrián Yáñez e Lara Abelleira.
Desde a Escola Deportiva Shihan destacaron o bo rendemento do equipo, froito do traballo diario, así como a actitude de todos os participantes, nun inicio de tempada que cualifican de moi positivo.

O Club Dajankai de Lugo logra cinco medallas
O Club Dajankai de Lugo conseguiu cinco medallas no Campionato Galego Cadete, Júnior e Sub-21 e na III Copa Master de Kárate, celebrados en Ferrol. Os deportistas lucenses completaron unha destacada actuación nunha xornada na que o club, con pouco máis de dous anos de traxectoria, conseguiu situarse no cuarto posto do medalleiro xeral entre máis de vinte entidades galegas, malia participar unicamente con cinco competidores.
No Campionato Galego, Xián Souto foi un dos grandes protagonistas ao proclamarse dobre campión galego, tras conseguir a medalla de ouro tanto na modalidade de Kata como en Kumite na categoría de -63 quilos. Pola súa banda, Antón Souto tamén acadou o primeiro posto en Kata Sub-21, mentres que Iván Rey conseguiu o bronce en Kumite -61 quilos. Noelia Álvarez completou unha boa participación sobre o tatami, aínda que non puido subir ao podio.
Os éxitos do club lucense estendéronse tamén á III Copa Master, na que Yerai Román conquistou a medalla de bronce na categoría de 35 a 45 anos de máis de 75 quilos. O resultado ten especial relevancia ao tratarse da súa segunda participación nunha competición de ámbito galego, a pesar de levar pouco tempo practicando este deporte.
O equipo contou co apoio desde a esquina dos adestradores Marta Martínez, Miguel Rey e Yerai Román. Ademais, o Club Dajankai tamén tivo representación no ámbito arbitral, con Jana González como árbitra e David González como subdirector de Arbitraxe da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas.