A Escola Deportiva Shihan suma novos éxitos nacionais en Cantabria e Guadalaxara

LugoXa
O club logra varias medallas en competicións estatais e destaca o compromiso e compañeirismo dos seus deportistas
Escolla-Deportiva-Shihan-novos-éxitos-deportivos
4 Jun 2026

A Escola Deportiva Shihan continúa ampliando o seu palmarés a nivel nacional tras a participación de varios dos seus deportistas en competicións celebradas recentemente en Cantabria e Guadalaxara, onde obtiveron destacados resultados tanto en categorías individuais como por equipos.

Na cita disputada en Cantabria, Iria Enríquez proclamouse campioa na modalidade de kata infantil-xuvenil, acadando a medalla de ouro. Ademais, sumou unha medalla de prata en kumite xuvenil e outra prata na competición de kumite por equipos infantil-xuvenil xunto a Lucas Aulkmeier.

Desde o club tamén quixeron felicitar pola súa participación e esforzo ao resto da expedición formada por Alex Díaz, Naiara Pérez, David Enríquez, Leo Aulkmeier, Mateo Aldeanueva e Daniel Aldeanueva.

Paralelamente, outro grupo de deportistas desprazouse ata Guadalaxara para competir na Copa de Estilos Internacional. Nesta competición destacou a actuación de Valeria Rubal, que conseguiu a medalla de prata en kata benxamín, o seu primeiro metal nun campionato de ámbito nacional. O club subliñou a progresión da deportista, que chega a esta competición tras proclamarse recentemente campioa galega.

A entidade tamén puxo en valor a actuación de Marta Martínez, que rematou na quinta posición en kata sénior; de Elena Viñas, que finalizou sétima en kata júnior; e de David Rubal, polo seu traballo na categoría kata máster.

Máis aló dos resultados deportivos, desde a Escola Deportiva Shihan quixeron destacar os valores que o club promove diariamente entre os seus integrantes, facendo fincapé na capacidade de apoio mutuo, compañeirismo e motivación entre deportistas de todas as idades, aspectos que consideran fundamentais para o crecemento persoal e deportivo do grupo.

0.13741016387939