A Escola Lucense de Tiro con Arco destaca na terceira xornada da Liga Galega ao Aire Libre

LugoXa
Os arqueiros lucenses lograron varios podios nunha cita puntuable para o Ranking Autonómico Unificado de Aire Libre 2026 celebrada nunha xornada marcada polo vento
Escola-Lucense-de-Tiro-con-Arco-Aire-Libre-Narón-26
27 Apr 2026

A terceira xornada da Liga Galega ao Aire Libre de Tiro con Arco disputouse esta fin de semana no Campo de Tiro con Arco ao Aire Libre do Concello de Narón, nunha competición organizada pola FGTA e o Club Arco Narón. A cita desenvolveuse nun día despexado, aínda que condicionado polo vento, e foi valedeira para o Ranking Autonómico Unificado de Aire Libre 2026 (RAUAL).

Na competición participaron representantes da Escola Lucense de Tiro con Arco, que acadaron destacados resultados en distintas categorías. En Recurvo Alevín masculino, Áxel Fernández Arias conseguiu a segunda posición cun total de 499 puntos.

Na categoría Tradicional +50 feminina, Ana Isabel Villar Fernández rematou en cuarta posición con 424 puntos.

En Tradicional +50 masculino, Fon Villamiel subiu ao segundo chanzo do podio tras sumar 501 puntos, mentres que José Barreiro López concluíu na sétima posición con 323 puntos.

Na modalidade LongBow +50 masculina, José Ángel Otero Martínez tamén foi segundo cunha puntuación final de 461 puntos.

En Recurvo Sénior masculino, Juan Andrés Casaleiro Piña finalizou noveno con 518 puntos. Pola súa parte, en Recurvo +50 masculino, José Luis López Jiménez terminou no posto décimo cuarto con 387 puntos.

En canto ás distancias e dianas empregadas na competición, os participantes de Recurvo Alevín tiraron a 30 metros sobre dianas de 122 centímetros. Os arqueiros de Tradicional competiron tamén a 30 metros, neste caso sobre dianas de 80 centímetros. Os participantes de LongBow realizaron os seus lanzamentos a 30 metros sobre dianas de 122 centímetros, mentres que os arqueiros de Recurvo fixérono a 70 metros sobre dianas de 122 centímetros.

Desde o ámbito lucense tamén quixeron poñer de manifesto as dificultades que afrontan os seus deportistas, xa que actualmente non contan con instalacións ao aire libre nas que adestrar e preparar a campaña exterior, unha parte da tempada que representa aproximadamente a metade do calendario anual desta disciplina deportiva.

0.081920146942139