A Escola Lucense de Tiro con Arco logra destacados resultados nos Campionatos Galegos ao Aire Libre

As instalacións do Club Boa Vila de Pontevedra acolleron durante esta fin de semana os Campionatos Galegos de Tiro con Arco ao Aire Libre, unha cita que se desenvolveu cunha climatoloxía moi favorable e que reuniu arqueiros e arqueiras de toda Galicia.
A Escola Lucense de Tiro con Arco participou na competición con representantes en diferentes categorías e modalidades, acadando resultados destacados. Entre eles sobresae a actuación de José Ángel Otero Martínez, que se proclamou subcampión galego na modalidade Longbow +50 masculino.
Pola súa banda, Áxel Fernández Arias rematou na cuarta posición da categoría Recurvo Alevín, mentres que Ana Isabel Villar Fernández foi quinta en Tradicional feminina. Fon Villamiel concluíu a competición no sexto posto de Tradicional +50 masculino, a mesma posición que obtivo Juan Andrés Casaleiro Piña en Recurvo masculino. Pola súa parte, José Luis López Jiménez finalizou noveno na categoría Recurvo +50 masculino.
Desde a entidade destacan o mérito destes resultados, tendo en conta as dificultades ás que se enfrontan os seus deportistas debido á falta de instalacións ao aire libre adecuadas para os adestramentos. Segundo sinalan, esta carencia impide preparar as competicións nas mesmas condicións que outros clubs galegos que si dispoñen deste tipo de infraestruturas.