A Escola Lucense de Tiro con Arco logra dous subcampionatos e un terceiro posto

O Campo Municipal de Fútbol de Ponteceso acolleu a celebración do Trofeo Federación Galega de Tiro con Arco ao Aire Libre, unha competición organizada polo Club Flechas por un Tubo na que participaron deportistas da Escola Lucense de Tiro con Arco en distintas modalidades e categorías.
Entre os resultados máis destacados da representación lucense figuran dous subcampionatos. Fon Villamiel conseguiu a segunda posición na categoría Tradicional +50 masculina tras sumar 516 puntos, quedando a tan só un punto da primeira posición. Pola súa banda, José Ángel Otero Martínez proclamouse subcampión en Longbow +50 masculino con 515 puntos.
Tamén logrou un posto no podio Áxel Fernández Arias, que finalizou en terceira posición na categoría Recurvo Alevín tras alcanzar os 512 puntos.
No resto de participacións, Juan Andrés Casaleiro Piña rematou no décimo posto en Recurvo masculino con 512 puntos, mentres que José Luis López Jiménez foi décimo cuarto en Recurvo +50 masculino con 452 puntos. María Castelo concluíu a competición na sétima posición en Recurvo feminino con 218 puntos.
Desde a entidade destacaron a actuación dos seus deportistas, subliñando ademais a dificultade engadida que supón competir en igualdade de condicións co resto de clubs galegos debido á falta de instalacións ao aire libre adecuadas para os adestramentos.