A Escola Lucense de Tiro con Arco participou na segunda xornada da Liga Galega ao aire libre en Redondela

LugoXa
Os arqueiros lucenses acadaron diversos resultados nunha competición marcada polas dificultades para adestrar en exteriores
Escola-Lucense-de-Tiro-con-Arco-Redondela
20 Apr 2026

As instalacións do Club Meigarco, en Redondela, acolleron esta fin de semana a segunda xornada da Liga Galega de Aire Libre de Tiro con Arco, unha cita puntuable para o Ranking Autonómico Unificado de Aire Libre 2026 (RAUAL). Na competición tomaron parte varios arqueiros da Escola Lucense de Tiro con Arco, que lograron diferentes resultados nas súas respectivas categorías.

Na categoría Tradicional +50 feminina, Ana Isabel Villar Fernández acadou a oitava posición cun total de 294 puntos. Pola súa banda, en Tradicional +50 masculina, Fon Villamiel foi cuarto con 521 puntos. En LongBow +50 masculino, José Ángel Otero Martínez rematou na quinta posición con 440 puntos, mentres que en Recurvo sénior masculino, Juan Andrés Casaleiro Piña finalizou no posto 15 con 415 puntos.

En canto ás condicións da proba, os participantes en modalidade Tradicional competiron a unha distancia de 30 metros sobre dianas de 80 centímetros, mentres que os arqueiros de LongBow tamén tiraron a 30 metros, pero sobre dianas de 122 centímetros. Pola súa parte, os tiradores de Recurvo fixérono a 70 metros sobre dianas do mesmo diámetro.

Desde o club lucense quixeron destacar as dificultades ás que se enfrontan os seus deportistas, que non dispoñen de instalacións ao aire libre onde poder adestrar e preparar a campaña desta modalidade, que representa aproximadamente a metade da tempada de tiro con arco.

0.12866401672363