A Escola Lucense de Tiro con Arco suma dous primeiros postos na Liga Galega de sala

Os arqueiros da Escola Lucense de Tiro con Arco tiveron unha destacada actuación na segunda xornada da Liga Galega de Tiro con Arco en Sala, puntuable para o Ranking Autonómico Unificado de Sala (RAUS), celebrada este sábado 31 de outubro no pavillón municipal O Aguillón da Rúa.
Na sesión da mañá, Áxel Fernández Arias conseguiu o primeiro posto na categoría R.U12.H., con 541 puntos, mentres que Fon Villamiel tamén encabezou a clasificación de T.+50.H., con 428 puntos. Pola súa banda, Ana Isabel Villar Fernández foi sexta en T.S.M., con 329 puntos, e José Ángel Otero Martínez rematou cuarto en L.+50.H., con 268.
Na quenda da tarde, Juan Andrés Casaleiro Piña acadou a segunda posición en R.S.H., con 542 puntos, e María Castelo Arias foi terceira en R.S.M., con 409. Celia Sánchez Mateos ocupou o cuarto posto nesa mesma categoría, con 406 puntos. Completaron a participación José Luis López Jiménez, décimo en R.+50.H., con 388 puntos, e Juan Carlos Fernández Villar, décimo sétimo en R.S.H., con 383.
A seguinte cita será o sábado 7 de novembro en Taboadela, en Ourense, onde se disputará a terceira xornada do RAUS. A competición permitirá aos representantes lucenses seguir mellorando e consolidando as súas posicións nas clasificacións autonómica e estatal.