A Escola Luguesa de Xadrez proclámase campioa galega por equipos nas modalidades de lóstregos e rápidas

A Escola Luguesa de Xadrez proclamouse campioa do Campionato Xunta de Galicia por equipos nas modalidades de lóstregos e rápidas durante unha intensa fin de semana de competición.
O conxunto lucense asinou unha destacada actuación ao longo do torneo e conseguiu impoñerse nas dúas modalidades, cedendo unicamente un empate fronte ao equipo de Marquiños na competición de lóstregos.
Desde o club destacaron tamén a actuación de Alekxa Strikovich, que completou unha brillante participación nunha cita que a entidade cualificou como “unha fin de semana para lembrar”.
Ademais destes títulos autonómicos, a Escola Luguesa de Xadrez recolleu tamén a copa como terceiro clasificado na Liga División de Honra, pechando así unha tempada marcada polos bos resultados e pola consolidación do equipo entre os referentes do xadrez galego.