A Escola Ramón Falcón e Aspnais inauguran a mostra ‘Visibles, deseño e diversidade funcional’

LugoXa
A iniciativa pon en valor o deseño como ferramenta de transformación social e destaca o traballo conxunto do alumnado e das persoas usuarias
Mostra-Visibles-Aspnais-e-Ramón-Falcón-Lugo
20 Feb 2026

A Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón e a Aspnais desenvolveron en Lugo a mostra ‘Visibles, deseño e diversidade funcional’, un proxecto que aposta polo deseño como motor de cambio social e como instrumento pensado para a pluralidade das persoas. A iniciativa nace coa vontade de promover unha visión inclusiva, afastada de estereotipos e centrada nas capacidades.

A exposición recolle o traballo realizado polo alumnado do centro en colaboración directa coas persoas usuarias de Aspnais, que participaron activamente como protagonistas e coautoras ao longo de todo o proceso creativo. Esta metodoloxía colaborativa permitiu construír propostas que integran diferentes miradas e experiencias vitais.

Na especialidade de deseño gráfico desenvolvéronse ferramentas de comunicación e publicacións orientadas a romper prexuízos e a visibilizar unha diversidade entendida desde as potencialidades. Pola súa banda, na modalidade de deseño de interiores presentáronse espazos de uso cotián, concretamente dormitorios, concibidos baixo os principios da neuroarquitectura, co obxectivo de crear contornas funcionais que favorezan a autonomía persoal e o benestar das persoas que os habitan.

Durante o acto, no que participaron autoridades, representantes de distintas asociacións e as persoas autoras das obras expostas, Maite Ferreiro puxo en valor a “laboriosidade das obras expostas” e felicitou o traballo desenvolvido por Aspnais en Lugo. Ademais, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, salientou a importancia de impulsar este tipo de accións para avanzar cara a unha sociedade verdadeiramente inclusiva, na que todas as persoas se sintan integradas e capaces.

⚙ Configurar cookies
0.081762075424194