A Escola Semente celebra os seus dez anos en Lugo cunha programación para toda a familia

A Escola Semente de Lugo cumpre dez anos e celebrará esta década de actividade cun programa de propostas abertas a familias e público de todas as idades. O calendario comezará o mércores 23 de setembro cunha mesa redonda sobre o papel do galego no ensino e terá como acto central unha festa o sábado 26 no Centro Social Mádia Leva.
O proxecto educativo iniciou a súa actividade en setembro de 2016 na antiga escola unitaria de Barbaín. Ao longo destes dez anos desenvolveu un modelo pedagóxico centrado na revitalización da lingua galega, a innovación educativa, o contacto coa natureza e a educación en igualdade. O seu carácter asociativo e sen ánimo de lucro converteu a escola nun proxecto singular dentro da cidade de Lugo.
A primeira actividade do aniversario será a mesa redonda "O galego e a escola", que terá lugar o 23 de setembro ás 18:00 horas no Vello Cárcere. O encontro contará coa participación de Natalia Cea, coordinadora pedagóxica da Rede de Escolas de Ensino Galego Semente; do docente e investigador Miguel Rodríguez Carnota; e de Doris Paz, da Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy.
Durante o acto tamén se presentará a "Guía sociolingüística para familias", unha publicación editada polas Escolas Semente.
Unha xornada para recuperar a historia da escola
A celebración continuará o sábado 26 de setembro no Centro Social Mádia Leva cunha programación pensada para compartir en familia. A entrada será libre e as actividades comezarán ás 11:00 horas cun faladoiro no que familias e persoas colaboradoras da Semente repasarán os inicios do proxecto, a súa situación actual e os retos de futuro.
Ás 12:00 horas será a quenda do artesán Xaneco Tubío, que ofrecerá o obradoiro "Facer un cantagalo en familia". Unha hora e media despois, ás 13:30, proxectarase unha montaxe audiovisual que recolle a historia da Semente ao longo desta primeira década.
A xornada continuará ás 14:00 horas cun xantar popular e pola tarde, ás 16:00, desenvolverase o obradoiro infantil "Como é a escola que queres?". O programa pecharase ás 18:00 horas coa representación de "Ciencia malabar", da Compañía Fraga das Mouros, incluída no Circuito de Teatro Profesional da Área de Cultura da Deputación de Lugo de 2026.
A última actividade do aniversario chegará o 24 de outubro, ás 11:00 horas, na propia escola de Barbaín. Será "Aventura na natureza", un xogo de pistas para que maiores e pequenos descubran de maneira lúdica a riqueza ecolóxica da contorna da aldea.
Co programa, a Escola Semente busca celebrar os dez anos de traxectoria, recoñecer o papel de todas as persoas que contribuíron ao desenvolvemento do proxecto e reivindicar os seus principios pedagóxicos no contexto educativo actual.