A escritora Monse Fernández presenta en Lugo “Haxa salú!”, o libro que recolle as súas vivencias no hospital

A escritora lucense Monse Fernández presentará en Lugo o seu libro “Haxa salú!”, unha obra editada pola Fundación Renal Española que reúne ilustracións e relatos inspirados nas súas longas estancias hospitalarias, marcadas pola súa actual espera dun dobre transplante de páncreas e ril.
A presentación terá lugar o 25 de abril ás 19.00 horas no Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo, nun acto no que a autora dará a coñecer un proxecto literario que naceu no propio ámbito hospitalario e que foi medrando a partir de debuxos e pequenas historias compartidas con outras persoas ingresadas.
A obra combina humor, sensibilidade e proximidade para ofrecer unha visión máis humana da experiencia da enfermidade e da hospitalización. Segundo explica a autora, compartir vivencias semellantes axuda a cambiar a forma de afrontar estas situacións e contribúe a transmitir unha mensaxe positiva e esperanzadora.
As ilustracións, realizadas inicialmente como vía de escape durante os ingresos, convertéronse co tempo nunha ferramenta de acompañamento emocional tamén para outros pacientes. O libro está pensado para todos os públicos e aspira a ser empregado en hospitais como recurso de apoio.
Con esta publicación, a Fundación Renal Española reforza o seu compromiso coa mellora da calidade de vida das persoas con enfermidade renal, promovendo iniciativas que poñen no centro a experiencia do paciente e o valor do acompañamento.