A eutanasia centrará unha charla-coloquio no Vello Cárcere de Lugo
O Colectivo DMD Galicia (Dereito a morrer dignamente) organiza para o vindeiro luns, 13 de xuño, unha charla-coloquio en torno ao dereito á eutanasia. O evento de divulgación terá lugar no Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo, a partir das 20.00 horas.
Baixo o título Dereitos sanitarios: eutanasia e testamento vital, o presidente e a vicepresidenta da entidade, Miguel Anxo García Álvarez e Isabel Blanco Domínguez, abordará os temas que fan referencia a estes dous dereitos sanitarios ao final da vida. Así como da autodeterminación de cada individuo para dispór da súa propia vida.
Os datos dos que dispoñemos refiren que na Galiza van rexistrados un total de 13.374 Testamentos Vitais, dos que 8.504 foros presentados por mulleres (un 63.6%), o que representa un 4.9 por 1.000 da povoación, lonxe do 19 ou 16 por 1.000 de Navarra ou País Vasco, o que nos indica que é necesário seguir divulgando e explicando estes dereitos de forma que a xente poida exercelos con plena consciencia e liberdade.
Faremos un breve repaso pola recente Lei de Eutanasia, aprobada hai un ano, que garante o dereito das persoas con enfermidades terminais a por fin á súa vida. Sen esquecermos unha das nosas grandes reivindicacións: a de seguir a fomentar, mellorar e estender a toda a poboación o dereito a unha prestación de coidados paliativos que garanta a falta de sufrimento neste último trance da vida.
DMD Galicia
A asociación Dereito a morrer dignamente Galicia mantén o compromiso de achegar á cidadanía, a través de espazos de debate e reflexión, os conceptos relacionados coa dispoñibilidade da propia vida para promover a construción dun criterio propio.
Para iso, organizan actividades divulgativas en colaboración co tecido asociativo e entidades públicas e privadas que comparten ou simpatizan cos seus fins. Así, a asociación pode chegar a milleiros de persoas que, doutro xeito, non terían acceso a esta información.