A exclusión do proxecto GAMA da planificación eléctrica 2025–2030 preocupa a Greenfiber

LugoXa
Greenfiber asegura que aínda non recibiu comunicación oficial e advirte que a decisión podería ser política, pese á súa sostibilidade e impacto económico positivo
Render-Detalle-Proyecto-Paisajísto-GAMA-Altri
25 Sep 2025

GREENFIBER, promotora da planta de fibras téxtiles en Palas de Rei, aclarou que non recibiu comunicación oficial sobre a posible exclusión do seu proxecto GAMA da planificación eléctrica do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) para o período 2025–2030. A empresa sinala que, unha vez recibida a notificación, analizará detalladamente os argumentos técnico-económicos e estudará a posibilidade de presentar alegacións seguindo o procedemento administrativo habitual.

Desde Greenfiber destacan que, de confirmarse a exclusión, todo apuntaría a unha decisión de carácter político, e non baseada en criterios técnicos, xa que a planta conta coa Declaración de Impacto Ambiental que avala o seu cumprimento da normativa nacional e europea, garantindo que o proxecto é respectuoso co medio e compatible con outras actividades económicas da zona.

A compañía subliña que a potencial exclusión tamén implicaría desaproveitar unha fonte de enerxía renovable, pois o deseño de GAMA contempla unha planta enerxeticamente neutra que vertería á rede os excedentes de enerxía limpa, contribuíndo aos obxectivos do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) para que as renovables supoñan o 81% da xeración eléctrica en España en 2030.

Ademais, Greenfiber advirte do prexuízo económico e industrial que a decisión suporía para Lugo, limitando oportunidades de emprego e investimento, e comprometendo o desenvolvemento das comarcas rurais e o asentamento de poboación. A empresa describe GAMA como un proxecto transformador, innovador e disruptivo para a industria téxtil, que situaría a Galicia e España á vangarda da industria sostible.

CONTESTACIÓN DA PLATAFORMA ULLOA VIVA

A Plataforma Ulloa Viva expresou o seu malestar polo anuncio de Altri-Greenalia de que estuda presentar alegacións contra a súa exclusión da planificación eléctrica 2025-2030 do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco). Para a plataforma veciñal, esta era unha oportunidade para que a compañía desistise “dunha vez por todas dun proxecto que non ten electricidade, nin auga, nin lexitimidade social”.

Os portavoces de Ulloa Viva acusaron a empresa de facer “un uso perverso da linguaxe” e lembraron que o propio conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina, recoñeceu en 2023 que a planta emitiría 0,1 toneladas de dióxido de carbono por cada tonelada de celulosa producida. Segundo os cálculos da plataforma, isto suporía unhas 60.000 toneladas de CO₂ anuais no caso de que se materializasen as 400.000 toneladas de pasta de celulosa e 200.000 de liocel previstas, ás que habería que engadir as emisións dos fluxos de vehículos.

A organización veciñal cualifica como “o colmo do descaro” que a empresa asegure que a súa exclusión da planificación eléctrica do Miteco supoñería deixar á provincia de Lugo fóra do desenvolvemento industrial dos próximos anos. “O noso futuro decidímolo nós, as veciñas e veciños, e xa tomamos unha decisión: queremos unha industria que dea valor ao que temos e non unha que arrase cos recursos e coa calidade de vida”, sinalaron.

Ademais, a voceira Marta Gontá lembrou a incoherencia de que Altri critique agora unha decisión que cualifica de política cando en 2022 si aceptou que o proxecto fose declarado Proxecto Industrial Estratéxico “sen ningún estudo técnico”.

Ulloa Viva advertiu á empresa e á Xunta de Galicia de que seguirá vixiante e disposta a recorrer a todas as vías posibles para frear un proxecto que consideran lesivo para o territorio, o modelo socioeconómico e a saúde da poboación. A plataforma acusa a Altri de carecer de credibilidade e de practicar un “greenwashing” constante, lembrando que mesmo aseguraran que non investirían en lugares onde non fosen ben recibidos.

⚙ Configurar cookies
0.096673011779785