A exposición 'Castelao grafista (facsímile)' chega a Monterroso o 22 de xaneiro

O Concello de Monterroso, en colaboración con ABANCA e Afundación, a súa Obra Social, asinou un acordo de cooperación para traer á localidade a exposición Castelao grafista (facsímile).
A mostra inaugurarase o vindeiro 22 de xaneiro e permanecerá aberta ata o 26 de febreiro no Espazo Cultural Lorenzo Varela, podendo visitarse de luns a venres, en horario de 10.30 a 19.30 horas.
A exposición reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación e debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, pertencentes á Colección de Arte ABANCA.
Tamén inclúe retratos fotográficos, caricaturas, ilustracións e portadas de revistas, conformando unha selección coidadosa que reflicte a evolución do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, así como o seu dominio dos recursos plásticos e a súa paixón pola ilustración.
Ao acto acudiron Eloy Pérez Sindín, alcalde de Monterroso; Carlos Teijeiro Pita, coordinador institucional de ABANCA en Lugo; e Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo.