A exposición Kinetiko chega As Nogais
As Nogais acolle o vindeiro mércores 14 de agosto a exposición de autómatas Kinetiko organizada por Xirapaus. A exposición xa estivo no Vello Cárcere de Lugo ata o 30 de xuño e, agora, trasládase á praza do Concello.
Xira Paus é un proxecto de Manu Taboada (xogueteiro da Chintofanería) e Ero Vázquez (titiriteiro e artesán de Trécola) que surxiu co propósito de dar e pór en valor o universo dos autómatas.
Trátase dunha exposición na que se poden atopar personaxes musicais que a partir de mecanismos crean sons e ritmos, historias e contos que nacen co movemento dunha manivela ou dun pedal, bonecos que se moven e andan sós, un teatriño de guiñol automatizado homenaxe do tradicional títere de cachiporra, diferentes efectos especiais recurrentes no teatro. A idea desta exposición é que os asistentes poidan xogar manexando os mecanismos das pezas e ver como funcionan.
Así pois, o horario no que se poderá visitar e estará activa será a partir das 10.00 horas. Dende o Concello recordan que se levarán a cabo todas as medidas sanitarias do momento da celebración.