A exposición Proximidade Llunyana chega mañá a Fonsagrada
Mañá mércores 7 de setembro inaugúrase na Fonsagrada a exposición Proximidade Llunyana ás 19.00 na praza do Concello. Esta exposición plasma a dimensión espacial e temporal da emigración de Lugo a Barcelona no século XX e faino a través da testemuña das mulleres que nos achegan á realidade do éxodo rural da posguerra. Estará dispoñible ata o 7 de outubro nos exteriores do Museo Comarcal da Fonsagrada.
Conmemora a vida das mulleres que renunciaron a todo o seu universo coñecido polo desexo dunha vida mellor. O proxecto pretende revivir as súas historias, mostrando os museos como contedores e conectores da memoria colectiva e construíndo historias individuais que aporten unha perspectiva global de como a emigración afectou ás netas, nais e avoas.
Unha montaña de equipaxe apiada foi a protagonista nos vagóns do Tren Shanghai (de Galicia a Barcelona) encargado de transportar aos viaxeiros á terra prometida. O concepto de maleta como representación da vida enlatada da muller migrante que abandonou a súa casa en Lugo para iniciar unha nova vida en Barcelona, potenciada a través dun diálogo presente-pasado a través de obxectos, cartas e fotografías, busca ofrecer ao visitante unha conexión e empatía cos protagonistas.
O obxectivo desta mostra é indagar, investigar e conservar de xeito transversal as historias familiares, converténdoa nunha mostra itinerante en constante evolución, co fin de buscar respostas do pasado para poder mirar cara ao futuro.
Para acompañar esta inauguración o mesmo día sete en horario de 17.00 a 19.00 terán lugar dous obradoiros, un para todas as persoas adultas que queiran participar e outro para as crianzas que as acompañen.
Pegadas na tea será o obradoiro destinado ás persoas adultas e terá como obxectivo a representación do pasada das persoas participantes en láminas de tea.
Teatro na maleta e o obradoiro destinado ás crianzas e adolescentes que consistirá na creación dunha obra de teatro baseada na migración, as historias familiares e a memoria colectiva. A peza final será representada antes da inauguración e ten como obxectivos conectar aos máis novos coas historias e testemuñas da exposición.