A expropiación dos terreos do Sagrado Corazón permitirá desbloquear o novo centro de saúde

LugoXa
O Goberno local culmina un proceso clave para poñer o solo a disposición da Consellería de Sanidade e garantir unha infraestrutura sanitaria demandada desde hai anos polo barrio
reunion-Goberno-local-Lugo
2 Feb 2026

O Concello de Lugo levará á Xunta de Goberno Local a aprobación definitiva do expediente de expropiación dos terreos do antigo colexio do Sagrado Corazón, un paso decisivo para poñer o solo a disposición da Consellería de Sanidade e permitir que avance a construción do novo centro de saúde comprometido para o barrio. Desde o Goberno local sinalan que esta decisión busca desbloquear unha situación prolongada no tempo pola falta de dilixencia do Executivo autonómico á hora de definir unha localización para este equipamento esencial.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que con esta actuación o Concello culmina un proceso complexo desenvolvido con rigor técnico e xurídico, co obxectivo de cumprir cos compromisos adquiridos coa cidadanía. Segundo explicou, a administración municipal actuou con responsabilidade, apostando polo diálogo e esgotando todas as vías posibles, pero asumindo tamén a necesidade de tomar decisións cando un proxecto estratéxico non avanza. Fernández subliñou que a prioridade é evitar máis demoras e garantir que a cidade conte cun centro de saúde que leva anos sendo unha demanda reiterada da veciñanza.

O expediente que se someterá á aprobación definitiva fixa un xusto prezo total de 726.710,87 euros, incluíndo o premio de afección, para unha parcela de máis de 5.600 metros cadrados de solo e preto de 4.400 metros cadrados construídos, cualificada no Plan Xeral como equipamento público. Trátase, segundo o Concello, da única parcela do barrio que reúne as condicións urbanísticas necesarias para albergar unha dotación sanitaria destas características, o que lle outorga un valor estratéxico singular.

A expropiación tramitouse mediante o procedemento de taxación conxunta, cumprindo todos os pasos establecidos na normativa vixente. O expediente foi aprobado inicialmente en outubro de 2025, sometido a información pública e obxecto de alegacións por parte da propiedade, que foron analizadas polos servizos técnicos municipais. Unha vez emitidos os informes correspondentes, o Goberno local considera que o procedemento está plenamente preparado para a súa aprobación definitiva.

O concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, sinalou que este avance permitirá actuar con seguridade xurídica e deixar o solo listo para o desenvolvemento do proxecto sanitario. Segundo indicou, o Concello cumpre coa súa parte e actúa con rigor para desbloquear unha actuación necesaria tanto para o barrio como para o conxunto da cidade, lembrando que a posta a disposición dos terreos é unha condición indispensable para que a obra poida executarse.

Desde o Goberno local insisten en que, unha vez completado este trámite, non debería existir ningún impedimento para que a Consellería de Sanidade avance na construción do centro de saúde. O Concello reafirma así a súa vontade de colaboración institucional, pero tamén a súa determinación para cumprir cos compromisos adquiridos coa veciñanza.

“O Concello fai o que lle corresponde, actúa con responsabilidade e toma decisións para que a veciñanza non siga esperando por unha infraestrutura sanitaria esencial. O noso obxectivo é que o centro de saúde do Sagrado Corazón avance e se converta nunha realidade canto antes”, concluíu o alcalde.

⚙ Configurar cookies
0.083425998687744