A factura da luz centra unha charla do BNG en Ribadeo e obradoiros da UCGAL en Foz

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A factura da luz e todo o relacionado coa produción e consumo da enerxía eléctrica centran dúas charlas na Mariña.
4 Nov 2019

A factura da luz e todo o relacionado coa produción e consumo da enerxía eléctrica centran dúas charlas na Mariña. Unha delas terá lugar esta mesma tarde, ás 20 horas, no Parador de Turismo de Ribadeo como acaba de informar o BNG. A Unión galega de consumidores, UCGAL, ademais, organiza seis talleres en Foz sobre a materia gratuítos e que se desenvolverán ao longo do mes.

O prezo da luz e a necesidade da tarifa eléctrica galega é o título de charla deste anoitecer en Ribadeo na que intervirán os alcaldes nacionalistas de Barreiros, Ana Ermida, que tamén é responsable comarcal do BNG e o de Ribadeo, Fernando Suárez, así como Olalla Rodil, candidata ao Congreso dos deputados.

A Ucgal en Foz, organiza seis obradoiros sobre a factura da electricidade coa colaboración da concellaría de educación e cultura. As sesiós desenvolverán nos locais de distintas asociacións veciñais do Concello. O acceso é completamente libre en todas elas. 

A actividade que será impartida por persoal técnico da Unión de Consumidores de Galicia, está dirixida a veciñas e veciños do concello que desexen resolver as súas dúbidas en relación coa factura da electricidade e coñecer os mecanismos que lles permitan aforrar na mesma

As actividades formativas sobre a factura eléctrica teñen por obxectivo permitir que os usuarios e usuarias saiban distinguir entre mercado libre e regulado, tarifas eléctricas, así como coñecer a potencia aconsellada para o seu fogar. Ademais abordaranse os aspectos máis importantes do bono social e do tícket eléctrico da Xunta de Galicia. 

Os veciños e veciñas de Foz poderán participar nestas actividades a partires das 19.00 horas dos días 5 de novembro, no local da Asociación de Veciños O Torques de Marzán e 18 de novembro, na Casa da Cultura de Foz. O 19 de novembro no local da Asociación de Veciños de Nois e 25 de novembro no local da Asociación de Veciños de San Martiño. O 26 de novembro no local da Asociación de Veciños San Pedro de Cangas e o 27 de novembro no local da Asociación de Veciños O Castro de Vilaronte.

As actividades contan co financiamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia no seo do programa Dálle luz á túa factura. 

0.20626902580261