A familia de Don Carlos Méndez doa ao Concello de Monterroso a biblioteca persoal do histórico párroco

LugoXa
O legado inclúe máis de 1.000 libros, documentos e pezas de alto valor histórico e artístico datados entre o ano 1.500 e a actualidade
doazon-familia-cura-Don-Carlos-Méndez-Monterroso
10 Jan 2026

A familia do cura Don Carlos Méndez formalizou a doazón ao Concello de Monterroso da totalidade da súa biblioteca persoal xunto con numerosa documentación e pezas de valor histórico e artístico que formaban parte do seu legado particular. O acordo quedou recollido nun documento asinado onte á tardiña na Casa do Concello polo alcalde, Eloy Pérez, e por tres dos sobriños do párroco, Luis, Carlos e Anxo Rodríguez Méndez.

O texto rubricado constitúe un protocolo previo á sinatura dun documento notarial definitivo que se levará a cabo unha vez que todo o material estea correctamente inventariado e rexistrado. O fondo supera o milleiro de exemplares entre libros, documentos e outras pezas, cun arco cronolóxico que abrangue desde o ano 1.500 ata a actualidade.

A familia estableceu como condición indispensable que este legado permaneza de maneira permanente baixo a titularidade do Concello de Monterroso, advertindo de que, no caso de incumprirse esta cláusula, todo o material debería ser devolto aos herdeiros.

O alcalde destacou a importancia desta doazón, subliñando que achega documentación de enorme relevancia para a historia local, incluíndo referencias á construción da igrexa parroquial, da Casa do Concello, así como textos relacionados coa historia e a etnografía da zona. Desde o goberno municipal valoran este conxunto como un patrimonio de grande valor cultural que pasará a ser custodiado polo Concello en beneficio da veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.095407009124756