A Federación de Asociacións de Veciños reclama a reposición urxente dos bolardos deteriorados en Lugo

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti trasladou á Alcaldía e á Concellería de Mobilidade a súa preocupación polo deterioro xeneralizado dos bolardos urbanos en numerosas rúas da cidade. Segundo explica a entidade, tras un traballo de revisión realizado barrio a barrio detectáronse numerosos elementos rotos, dobrados, arrincados, danados ou mesmo desaparecidos.
A federación asegura que as imaxes recollidas durante esta inspección evidencian unha situación que considera preocupante, xa que a desaparición ou deterioro destes elementos supón a perda de medidas de protección para peóns e vehículos en distintos espazos da cidade.
Desde a entidade lembran que os bolardos desempeñan un papel fundamental na seguridade viaria ao impedir a invasión das beirarrúas polos vehículos, ordenar o tráfico, delimitar zonas sensibles e reducir o risco de accidentes, especialmente en contornas con elevada presenza de peóns.
Neste sentido, advirten de que en Lugo existen cada vez máis puntos vulnerables, con beirarrúas expostas ao tráfico, esquinas sen protección e zonas nas que, segundo denuncian, os vehículos xa ocupan espazos reservados ao tránsito peonil.
A Federación destaca que estes elementos son especialmente importantes para garantir a seguridade das persoas maiores, da infancia e das persoas con mobilidade reducida, así como para preservar a accesibilidade, evitar manobras indebidas e protexer áreas escolares, sanitarias e comerciais. Ademais, sinala que tamén contribúen á conservación do espazo público ao evitar danos no pavimento e no mobiliario urbano.
Por este motivo, a entidade reclama ao Concello a reposición inmediata dos bolardos rotos ou desaparecidos, a realización dunha revisión técnica das zonas máis afectadas, a posta en marcha dun plan estable de mantemento, o reforzo das brigadas de intervención urbana e unha maior vixilancia nos accesos indebidos ás beirarrúas e espazos peonís.
A Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti conclúe que o estado destes elementos non é unha cuestión estética, senón de seguridade cidadá, e considera que a súa conservación resulta esencial para garantir a protección da veciñanza e a calidade de vida na cidade.