A Federación de Asociacións Veciñais de Lugo, contra o despoboamento do rural
LugoXa
Apoian os actos da plataforma ‘España Vaciada’ que reclaman que o 31 de marzo sexa declarado ‘Día Europeo contra o despoboamento’.
29 Mar 2021
A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, desde a plataforma 'Galicia Baleira' da que tamén forma parte o colectivo veciñal de Ourense, vén de amosar o seu apoio aos actos que desde a plataforma 'España Vaciada' se levarán a cabo co fin de que o día 31 de marzo sexa declarado 'Día Europeo contra o despoboamento'.
A iniciativa de 'España Vaciada' reclama visibilidade para a "España de raíces rurais que aínda parece estar estigmatizada por arquetipos que xa nada teñen que ver coa realidade'.
As campás de numerosos territorios desa 'España baleira' tocarán como chamada de atención o vindeiro mércores, día 31, unha xornada na que tamén haberá unha manifestación diante do Congreso dos Deputados, onde se lerá un manifesto.