A Federación de Veciños de Lugo pide mellorar a iluminación en varios barrios da cidade

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti trasladou á Concellería de Vías, Obras e Alumeado varias necesidades detectadas no sistema de iluminación pública de diferentes zonas da cidade tras realizar durante as últimas semanas unha revisión dos barrios.
Na Praza Mestre García Bernal, a entidade veciñal detectou luminarias antigas de vapor de sodio que ofrecen pouca iluminación e algunhas das cales se atopan mesmo rotas. Segundo a Federación, trátase dunha zona con numerosas vivendas que queda "excesivamente escura", polo que considera necesario substituír estas luminarias por outras de tecnoloxía LED, con maior capacidade de iluminación, mellor calidade e menor consumo.
No barrio de Fingoi, a Federación sinala tamén a existencia dunha farola completamente tapada por unha árbore situada no interior dun colexio público da Xunta de Galicia. Segundo explica, a vexetación invade o espazo público e deixa a zona escura, polo que solicita que se realice a poda necesaria.
Unha situación similar, segundo a entidade, prodúcese na rúa Pintor Corredoira, no recinto do Albergue Residencia Xuvenil LUG II. Neste punto, un conxunto de árbores tapa varias farolas encargadas de iluminar a vía pública, polo que a Federación reclama unha poda adecuada que permita recuperar unha iluminación correcta.
As necesidades de mellora tamén se estenden ás rúas Illas Cíes, Río Sil, Manuel Murgia, Miguel de Cervantes, San Roque, Catasol, Rei Don García, Montirón, Armando Durán e A Milagrosa, onde a revisión realizada permitiu localizar luminarias antigas, zonas con pouca luz e diferentes puntos nos que consideran necesaria unha mellora ou substitución.
A Federación valora a mellora da iluminación dos últimos anos
A entidade veciñal quixo tamén poñer en valor o traballo desenvolvido nos últimos tres anos polo BNG e pola anterior Corporación municipal en materia de iluminación pública. Segundo sinala, a substitución de luminarias antigas por tecnoloxía LED, máis potente e de menor consumo, supuxo unha mellora evidente tanto na calidade da iluminación como na seguridade dos barrios.
Do mesmo xeito, a Federación recoñece a intensificación e mellora xeral da iluminación realizada na zona urbana de Lugo, un avance que considera fundamental para o benestar da cidadanía.
Ante as deficiencias detectadas, a organización veciñal reclama á Concellería de Vías, Obras e Alumeado que dea continuidade ao proceso de mellora da iluminación pública e que proceda á substitución das luminarias antigas por LED nas rúas sinaladas.
Tamén pide que se coordinen coa Xunta de Galicia as actuacións necesarias para podar as árbores que invaden o espazo público e impiden a correcta iluminación das vías, especialmente nos puntos localizados en Fingoi e na rúa Pintor Corredoira.