A Federación Galega de Comercio presenta a campaña ‘Merca no teu Comercio’ en Lugo

A Federación Galega de Comercio presentará a campaña “Merca no teu Comercio” o luns 27 de abril ás 12:15 horas, nun acto que terá lugar na explanada do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia. A iniciativa enmárcase nas accións de apoio ao comercio de proximidade e á dinamización do sector.
Ademais, o martes 28 de abril celebrarase na cidade de Lugo unha nova edición de Comercio na Rúa, unha proposta que se desenvolve de forma periódica o último martes de cada mes e que está organizada pola Federación de Comercio de Lugo en colaboración coa área de Dinamización Económica e Relacións Institucionais do Concello de Lugo.
Nesta xornada participan arredor de 80 establecementos da capital lucense adheridos á Federación, que poden sacar os seus produtos ao exterior para amosalos directamente á clientela. Os comercios estarán identificados cunha banderola da campaña, o que facilitará a súa localización nas rúas.
O obxectivo de Comercio na Rúa é achegar o comercio local á cidadanía, poñendo en valor o tecido comercial da cidade e contribuíndo a dinamizar o consumo a través dunha presenza máis visible e directa dos establecementos no espazo público.