A Federación Lucus Augusti alerta do grave deterioro do Leira Parking do HULA

A Federación de Asociacións Veciñais de Lugo Lucus Augusti denuncia o estado do Leira Parking do Hospital Universitario Lucus Augusti, un aparcadoiro empregado diariamente por milleiros de usuarios e usuarias e que, segundo advirten, presenta un deterioro cada vez máis evidente. O firme atópase moi danado, con numerosos baches, zonas desniveladas e acumulacións de auga que dificultan a circulación e incrementan os riscos tanto para os vehículos como para os peóns.
Desde a federación sinalan que esta situación resulta especialmente perigosa para persoas con mobilidade reducida e tamén en contextos de urxencia, algo especialmente sensible ao tratarse do principal hospital de referencia da provincia. As fotografías realizadas no día anterior, aseguran, evidencian claramente o mal estado do aparcadoiro e a necesidade dunha intervención inmediata.
Lucus Augusti solicita ao Concello de Lugo que adopte medidas eficaces a curto prazo, como a aplicación dunha capa de zahorra que permita eliminar os baches e regularizar o terreo, así como a implantación dun sistema de drenaxe axeitado que evite os encharcamentos recorrentes. Ademais, consideran imprescindible establecer un mantemento periódico que garanta a conservación do espazo e evite que o problema se reproduza no futuro.
A entidade veciñal lembra tamén que, tras a aprobación do 5% do Plan Xeral, existen xa as condicións urbanísticas necesarias para acometer o asfaltado definitivo do Leira Parking, unha solución que permitiría resolver de maneira estable as deficiencias actuais. Neste sentido, reclaman que as actuacións se planifiquen e executen coa maior rapidez posible, tendo en conta a importancia do HULA como centro sanitario de referencia e a necesidade de que a súa contorna estea á altura das demandas da cidadanía.