A Federación Lucus Augusti propón transformar a estación de autobuses nun gran espazo público en Lugo

LugoXa
A entidade presenta unha proposta que combina unha praza humanizada, aparcamento subterráneo e programación cultural permanente
dársenas-estación-de-autobús-Lugo
1 Apr 2026

Na reunión da Comisión Permanente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo “Lucus Augusti”, celebrada o pasado 18 de marzo de 2026, acordouse por unanimidade fixar a posición oficial da entidade sobre o futuro da estación de autobuses de Lugo, logo da apertura do período de propostas polo Concello de Lugo e a Xunta de Galicia. A Federación recorda que foi o primeiro colectivo da cidade en posicionarse publicamente sobre este asunto, en 2019, cando xa defendía a creación dunha gran praza humanizada con aparcamento.

A proposta actualizada inclúe a creación dunha gran praza pública con zonas ajardinadas, elementos verdes, espazos humanizadores móbiles, áreas de sombra e soportais para actividades independentemente da climatoloxía. Preténdese que sexa un espazo vivo, con programación permanente de feiras, mercadillos e actividades culturais e recreativas, recuperando a tradición do Campo da Feira e reforzando a vida social do centro urbano. A Federación propón un aparcamento subterráneo conectado co de Praza da Constitución, con acceso pola rúa Dinán para afastar o tráfico da Muralla, lembrando que a Xunta de Galicia se comprometeu a asumir o custo desta infraestrutura, necesaria pola escaseza de estacionamento na zona.

Ademais, o plan contempla a preservación arqueolóxica durante as escavacións e o derrubo do edificio actual da estación, antigo e sen utilidade no novo contexto, co fin de liberar espazo e consolidar a praza pública. A Federación considera que este ámbito urbano representa unha oportunidade histórica para crear un espazo central moderno, accesible, verde e útil para toda a cidadanía, promovendo a cohesión social e mellorando a calidade de vida, e solicita ás administracións implicadas que teñan en conta esta proposta veciñal amplamente respaldada e coherente coas necesidades reais da cidade.

0.1199049949646