A Federación Lucus Augusti reclama actuacións urxentes para mellorar a seguridade viaria en San Roque

LugoXa
O movemento veciñal pide pasos elevados, sinalización luminosa e medidas de calmado do tráfico en varios puntos críticos da rúa
paso-de-peóns-San-Roque-Lugo
25 Feb 2026

A Federación de Asociacións Veciñais da Provincia de Lugo “Lucus Augusti”, en representación do movemento veciñal lucense e da veciñanza da contorna de San Roque, trasladou á Concellería de Vías e Obras a necesidade de acometer actuacións inmediatas para reforzar a seguridade viaria en distintos puntos considerados especialmente conflitivos desta rúa.

A entidade advirte de que o elevado volume de tráfico rodado, a presenza constante de peóns e os incidentes rexistrados nos últimos tempos fan imprescindible a adopción de medidas que garantan a integridade das persoas que transitan por esta vía, tanto condutores como viandantes.

Entre as actuacións solicitadas figura a instalación dun paso de peóns elevado no cruce coa rúa Montirón, á altura dun punto de tránsito continuo onde xa existe un paso sinalizado. A Federación considera que a elevación do paso obrigaría á redución efectiva da velocidade dos vehículos e contribuiría a reforzar a protección das persoas peóns.

Do mesmo xeito, reclama a mellora da sinalización e a implantación de medidas de calmado do tráfico no cruce con Pena do Rei e Marina Española, onde, segundo sinala, xa se produciron varios accidentes. Neste punto propoñen a colocación de sinalización luminosa de advertencia, a instalación de bandas redutoras de velocidade ou elementos equivalentes, así como a adopción de calquera outra medida técnica que permita minimizar o risco existente.

Desde a Federación “Lucus Augusti” subliñan que se trata dunha zona especialmente sensible pola confluencia de tráfico rodado e peonil, polo que consideran prioritaria a intervención municipal. A entidade cualifica estas actuacións como necesarias e urxentes e amosa a súa confianza en que o Concello de Lugo adopte as decisións oportunas coa maior celeridade posible para garantir a seguridade da cidadanía.

0.13281488418579