A Federación Lucus Augusti reclama ao Concello un plan urxente para repoñer as árbores desaparecidas da cidade

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti trasladou á Alcaldía do Concello de Lugo a súa preocupación pola falta de reposición de árbores en numerosos puntos da cidade, unha situación que asegura ter constatado tras un traballo de campo realizado polos seus integrantes e documentado con fotografías nas que aparecen alcorques baleiros, árbores secas, troncos rotos e exemplares desaparecidos.
A entidade sinala que Lugo está a perder progresivamente parte do seu patrimonio verde e advirte de que esta situación afecta á calidade ambiental e ao benestar da cidadanía. Ao seu xuízo, as árbores non constitúen un elemento ornamental, senón unha infraestrutura verde esencial para a saúde pública, a calidade do aire e a habitabilidade dos espazos urbanos.
Segundo expón a Federación, a presenza de alcorques baleiros sen reposición, árbores mortas que permanecen nas rúas e aliñacións incompletas evidencia unha falta de mantemento que considera necesario corrixir con urxencia.
A organización lembra que as árbores urbanas contribúen a reducir a temperatura ambiental, melloran a calidade do aire ao filtrar partículas contaminantes, favorecen a saúde física e emocional da poboación, incrementan a biodiversidade e axudan a humanizar os barrios e os espazos públicos.
Por este motivo, considera que a reposición das árbores perdidas constitúe unha responsabilidade ambiental, sanitaria e urbanística que o Concello debe asumir mediante unha planificación continuada.
Entre as medidas propostas, a Federación solicita a reposición inmediata dos exemplares desaparecidos, dando prioridade aos alcorques que levan máis tempo baleiros; a elaboración dun plan público e verificable de mantemento e substitución da arborización; a creación dun inventario actualizado da árbore urbana, accesible á cidadanía; e o reforzo das brigadas municipais de xardinería para garantir un adecuado mantemento das zonas verdes.
Desde Lucus Augusti conclúen que Lugo non pode permitirse seguir perdendo sombra, frescura e espazos verdes por falta de reposición e mantemento, ao entender que as árbores constitúen unha das principais ferramentas para facer fronte ao cambio climático, á contaminación e á degradación do medio urbano.