A Federación Veciñal Lucus Augusti agradece á Valedora do Pobo a súa rápida resposta á reclamación pola televisión gratuíta nos hospitais

LugoXa
A entidade e Galicia Baleira solicitaron a implantación da televisión sen custo nos hospitais públicos galegos e unha revisión do actual sistema de cobro aos pacientes
television-adamo-a-carta
2 Sep 2026

A Federación de Asociacións Veciñais de Lugo Lucus Augusti agradeceu á Valedora do Pobo a resposta ofrecida tras a queixa presentada o pasado 19 de agosto xunto con Galicia Baleira para reclamar a implantación inmediata da televisión gratuíta nos hospitais públicos de Galicia e a revisión do actual sistema de cobro.

A Valedora do Pobo comunicou á Federación a admisión a trámite da reclamación, ao considerar que cumpre os requisitos formais establecidos no artigo 18 da Lei da Valedora do Pobo. Ademais, sinalou que a cuestión exposta ten cobertura constitucional a través do artigo 103.1 da Constitución, relativo ao funcionamento eficaz das administracións públicas e á súa orientación ao interese xeral.

Co inicio das actuacións, a Valedora do Pobo requiriu á Consellería de Sanidade información detallada sobre os problemas que motivan a reclamación. A Administración autonómica contará cun prazo máximo de 15 días para achegar a documentación solicitada.

Unha vez recibido o informe preceptivo, a Valedora volverá contactar coa Federación para informar das actuacións realizadas e dos avances no expediente.

Desde "Lucus Augusti" valoran esta intervención como un paso para avanzar na defensa dos dereitos dos pacientes e nunha atención sanitaria "máis humana, equitativa e digna" en Galicia.

A Federación mantén a súa reclamación para que a televisión hospitalaria sexa gratuíta, unha medida que, segundo sinala, xa está implantada noutras comunidades autónomas. Mentres non se aplique a gratuidade, reclama que o sistema de cobro sexa xusto e proporcional ao tempo real de utilización, evitando prexuízos económicos especialmente entre as persoas máis vulnerables.

A entidade agradeceu finalmente á Valedora do Pobo o seu compromiso institucional ante unha demanda que, segundo indica, afecta a miles de pacientes e familias galegas.

0.16989302635193