A Federación Veciñal Lucus Augusti reclama a reparación urxente dos pasos de peóns

LugoXa
Alertan do risco para peóns e condutores e propoñen iniciar as obras en xuño, coincidindo coa fin do curso escolar e o bo tempo
paso-de-peóns-Lugo
16 Apr 2025

A Federación de Asociacións Veciñais da Provincia de Lugo Lucus Augusti vén de remitir unha solicitude formal ao titular da Concellería de Vías e Obras e de Mobilidade do Concello de Lugo, esixindo a reparación urxente de numerosos pasos de peóns repartidos por toda a cidade, moitos dos cales presentan un estado "lamentable" que supón un elevado risco para a seguridade viaria.

Esta demanda baséase nun estudo realizado recentemente pola propia Federación, no que se documenta, con imaxes tomadas durante o mes de abril, o deterioro e a deficiente sinalización de múltiples pasos de peóns nos distintos barrios lucenses.

Desde Lucus Augusti insisten en que a falta de mantemento e pintura destes pasos representa un perigo tanto para os peóns como para os condutores, e lembran que a seguridade viaria é unha responsabilidade directa da área de Mobilidade. Consideran especialmente preocupante que esta situación afecte a milleiros de persoas a diario, incluíndo menores e persoas maiores.

A Federación tamén propón que a reparación e pintado dos pasos comece no mes de xuño, unha vez rematado o curso escolar, o que facilitaría a execución das obras cun menor impacto no tráfico e aproveitando ademais as mellores condicións meteorolóxicas do verán.

Por todo isto, esixen que se actúe de forma prioritaria e inmediata, ao considerar que non se pode seguir demorando unha intervención que afecta directamente á integridade física da veciñanza.

Desde a Federación Lucus Augusti agardan que o Concello dea unha resposta rápida a esta petición e actúe en consecuencia, mellorando a seguridade e accesibilidade na rede viaria urbana.

⚙ Configurar cookies
0.15753602981567