A Fegatea cumpre 22 anos cunha festa do teatro en Lugo
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que a praza da Mosqueira acollerá este sábado, 9 de xullo, a programación do 22 aniversario da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), que contará coa presenza dos grupos federados para dinamizar durante todo o día o novo espazo público. Maite Ferreiro explicou que “un ano máis renovamos a nosa colaboración coa FEGATEA, apoiando esta programación para visibilizar o teatro amador da Galiza”.
A celebración do 22 aniversario da FEGATEA marca un fito no desenvolvemento do teatro amador no territorio galego, dando visibilidade aos 50 grupos federados que no ano 2021 realizaron preto de 150 actuacións.
A FEGATEA realizará ao longo do día unha programación de carácter festivo, con actuacións de microteatro, co fin de poñer de manifesto a presenza e potencia do teatro amador galego e compartir con todos os grupos da FEGATEA que queiran participar, e con todo o público que asista, unha mostra do moito traballo que se realizará por toda Galiza por parte de centos de mulleres e homes que dedican unha boa parte do seu tempo de lecer a facer teatro sen ánimo de lucro algún, e a espallar, por calquera recuncho da nosa xeografía que o requira, esas obras preparadas con todo o agarimo para desfrute das veciñas e veciños que acoden a esas representacións.
PROGRAMACIÓN
O programa de actividades arrancará ass 10 horas do sábado día 9 coa recepción dos participantes e a entrega de documentación no Centro Cultural do Vello Cárcere. Entre as 11.00 e as 13.00 horas o microteatro tomará a Mosqueira coa representación de diversas pezas curtas e outra animación. Ás 13.30 horas será ao acto oficial de inauguración ao que seguirá a presentación da web da FEGATEA. Para rematar, animación de rúa e novas pezas de microteatro poderánse gozar entre as 17.00 horas e as 20.00.