A Feira de Ano de Gomeán recuperará este domingo as tradicións rurais e gandeiras no Corgo

A carballeira de Gomeán, no concello do Corgo, converterase este domingo 9 de agosto no escenario dunha nova edición da Feira de Ano de Gomeán, unha cita que busca poñer en valor o patrimonio rural, as tradicións gandeiras e os oficios vinculados ao campo. O evento está organizado pola Asociación de Veciños O Salgueiriño e conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A presentación da feira tivo lugar nos xardíns do Pazo de San Marcos, coa participación de representantes da entidade organizadora e do vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, quen destacou o labor desenvolvido pola asociación para manter viva unha celebración que reivindica a identidade rural do municipio e da comarca.
O campo da feira de Gomeán volverá recrear o ambiente das feiras tradicionais cun programa que inclúe unha mostra de razas autóctonas organizada por Boaga e unha exposición de maquinaria agrícola histórica con vehículos cedidos por Muvicla. Ao longo da xornada tamén haberá demostracións de distintos oficios artesáns e actividades relacionadas coa vida no rural e co sector agrogandeiro.
Entre as propostas previstas figuran exhibicións de cetrería, demostracións de manexo de porco celta e probas de agility, pensadas para achegar ao público diferentes aspectos do traballo e da convivencia cos animais no medio rural.
A programación completarase con actuacións musicais a cargo do grupo tradicional corgués Legua Dereita e de Cé Orquestra Pantasma, que ofrecerá un espectáculo dirixido ao público familiar. A gastronomía tamén terá un papel destacado cun menú degustación composto por empanada e porco celta ao espeto elaborado con produto procedente da explotación local Rego de Manzadán.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora un ano máis coa organización desta cita cunha achega económica de 5.000 euros destinada á celebración da feira.