A Feira de Ano de Gomeán reúne centos de persoas arredor das tradicións e da vida no rural

LugoXa
A carballeira acolleu unha xornada con razas autóctonas, maquinaria agrícola, oficios artesáns, música e unha degustación de porco celta
feira-ano-gomean-2026
10 Aug 2026

A carballeira de Gomeán, no Corgo, volveu converterse este domingo nun punto de encontro arredor da cultura e das tradicións do rural coa celebración dunha nova edición da Feira de Ano. Centos de persoas pasaron ao longo da xornada polo recinto para participar nunha cita organizada pola Asociación de Veciños O Salgueiriño coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A feira recuperou o ambiente das antigas celebracións vinculadas ao campo cunha ampla variedade de propostas relacionadas coa actividade agrogandeira. Entre elas destacou a mostra de razas autóctonas organizada da man de Boaga, que permitiu achegar aos visitantes diferentes exemplos do patrimonio gandeiro galego.

A programación incluíu tamén unha exposición de maquinaria agrícola, demostracións de oficios artesáns e distintas actividades destinadas a divulgar formas de traballo e costumes tradicionalmente ligados á vida no rural. As exhibicións de cetrería, o manexo de porco celta e as probas de agility completaron unha oferta que atraeu público de diferentes idades.

A música tamén acompañou a celebración, con propostas como as do grupo tradicional corgués Legua Dereita e Cé Orquestra Pantasma, esta última cun espectáculo especialmente orientado ao público familiar.

Outro dos protagonistas da xornada foi o produto local. Durante o xantar serviuse un menú degustación no que o porco celta tivo un papel destacado, dentro do programa de promoción dos produtos procedentes de razas autóctonas Un gusto de rural, un rural degusto. A proposta gastronómica incluíu empanada e carne de porco celta ao espeto procedente da explotación local Rego de Manzadán.

A deputada de Cultura, Iria Castro, achegouse este domingo ata Gomeán para participar na feira e coñecer o desenvolvemento dunha celebración que busca conservar e divulgar o patrimonio vinculado ao rural.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborou un ano máis coa organización da Feira de Ano cunha achega de 5.000 euros. A cita volveu así reivindicar a carballeira de Gomeán como escenario para manter vivas as tradicións gandeiras, os oficios artesáns e a cultura popular ligada ao campo.

0.12576794624329