A Feira de Primavera de Artesanía e Innovación no Rural pon en valor o talento emprendedor das mulleres

LugoXa
Miguel Fernández destaca en Lugo a forza do rural, a innovación e a unión entre tradición e futuro na quinta edición do encontro do Campus Terra
Inauguración-V-Feira-de-Emprendedoras-da-USC-Lugo-PSOE
30 May 2026

O deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, participou este sábado na inauguración da quinta edición da Feira de Primavera de Artesanía e Innovación no Rural, organizada polo Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O evento reúne ao longo da xornada 25 postos de mulleres artesás que presentan e comercializan os seus produtos e servizos.

Durante a apertura, o deputado puxo en valor esta iniciativa, que considerou un reflexo da vitalidade do medio rural, destacando que nela conflúen talento, creatividade e capacidade emprendedora. Subliñou que moitas das participantes decidiron “apostar polo seu, xerar oportunidades e construír futuro desde Lugo e desde o rural”, o que, ao seu xuízo, ten un grande valor social e económico.

Fernández incidiu tamén na importancia da artesanía e do emprendemento como ferramentas clave para o desenvolvemento do territorio. Na súa intervención defendeu que innovar non implica afastarse da tradición, senón todo o contrario: “os territorios máis fortes son aqueles que avanzan sen perder a súa esencia, transformando o saber facer e a tradición en novas oportunidades de futuro”.

O deputado reafirmou ademais o compromiso da Deputación co apoio ao emprendemento e coa dinamización do rural, sinalando que o obxectivo é impulsar un modelo de territorio vivo, con oportunidades reais para crear e consolidar proxectos. Neste sentido, destacou que apoiar ás persoas emprendedoras supón tamén fortalecer a economía local, contribuír a fixar poboación e reforzar o tecido social da provincia.

Así mesmo, puxo o foco no esforzo e na constancia que hai detrás de cada proxecto presente na feira, destacando que se trata de iniciativas impulsadas por persoas que emprenden sen renunciar ás súas raíces nin ao lugar no que desexan vivir. Tamén valorou a colaboración entre a universidade e o territorio como un elemento esencial para xerar redes de coñecemento, innovación e novas oportunidades arredor da creatividade.

A programación da feira incluíu mesas redondas centradas na innovación e no futuro da artesanía, unha demostración práctica a cargo da empresa Fusaiola, na que se mostraron técnicas básicas de tecido en tear de sobremesa de peite ríxido, así como un espazo gastronómico con food truck, música e diversas actividades de animación.

0.13480186462402