A Feira de Santos de Monterroso enche a vila con mil postos e miles de visitantes

Monterroso vive unha das xornadas máis destacadas do seu calendario coa celebración da Feira de Santos, que desde primeira hora da mañá enche as rúas e a Cúpula de postos, visitantes e actividade comercial. A feira, recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia, reúne arredor dun milleiro de postos tanto no recinto cuberto como no exterior.
A gastronomía e os produtos da terra volven ocupar un lugar protagonista nunha cita na que os asistentes poden atopar alimentos tradicionais, artigos de todo tipo e propostas comerciais variadas. Os sabores e a calidade dos produtos de sempre, xunto coa música e o ambiente festivo, forman parte da identidade desta celebración.
A xornada conta tamén coa presenza do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que aproveitou a súa visita para trasladar a súa solidariedade ás familias e amizades das vítimas do accidente ferroviario de Toledo, cun recordo especial para a pontevedresa María Vázquez Nieto, falecida na traxedia. Tamén expresou o seu apoio ás persoas feridas e aos familiares que agardan noticias dos seus seres queridos.
Besteiro lembrou a experiencia de Galicia co accidente de Angrois e defendeu que a investigación sobre o sinistro de Toledo debe chegar ata o final para esclarecer o sucedido e determinar se houbo fallos ou neglixencias. Ademais, reclamou que se depuren as responsabilidades correspondentes e que se identifiquen posibles deficiencias para reforzar a seguridade ferroviaria.
Pola súa parte, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou unha investigación “rigorosa e imparcial” sobre o accidente ferroviario de Toledo que permita esclarecer o sucedido e depurar todas as responsabilidades políticas, “caia quen caia”. A líder nacionalista advertiu de que é necesario aprender dos erros de Angrois para evitar que as vítimas e as súas familias volvan afrontar un proceso marcado pola falta de verdade, xustiza e reparación.
Pontón denunciou que no accidente de Angrois houbo, ao seu xuízo, un “pacto de silencio entre PP e PSOE” para ocultar responsabilidades. Lembrou que ningún membro do Goberno de Mariano Rajoy dimitiu e que a daquela ministra Ana Pastor continuou no cargo e posteriormente presidiu o Congreso. “Eses erros non se poden volver cometer agora”, afirmou, ao tempo que considerou que “é evidente que Óscar Puente ten os días contados como ministro”.
A portavoz nacional do BNG tamén reclamou que non se escatimen recursos para resolver os problemas de seguridade nas liñas de alta velocidade e trasladou a solidariedade da formación ás familias das vítimas, con especial atención ás galegas. Pontón realizou estas declaracións durante a súa visita á Feira de Santos de Monterroso, acompañada por representantes do BNG na provincia de Lugo. Alí tamén puxo en valor a mobilización social que conseguiu frear o proxecto de Altri na Ulloa e defendeu o papel do rural e da produción agrogandeira no futuro de Galicia.